O 12 de maio de 1921 morreu Emilia Pardo Bazán. A súa vida, de case 70 anos, estivo ateigada de logros e de loitas. Lembrala nesta data do seu centenario e facelo nestas poucas liñas, só me permite evocar algunhas das súas verbas máis lúcidas e atinadas.
Emilia declarouse unha radical feminista. Proclamou, no Congreso Pedagóxico de 1892, o dereito das mulleres a se educaren en todos os saberes e para o exercicio de todas as profesións, defendendo mesmo a coeducación. Practicou, na prensa, o activismo contra a violencia machista, atacando o tratamento penal e social que recibía, rexeitando a designación de «crimes de honra» e denominándoos «mullericidios». En máis dunha centena dos seus relatos, a violencia de xénero é o epicentro da trama. Loitou por un destino propio para a muller, alén do da familia que podería constituír ou non, afirmando que «todas as mulleres conciben ideas; mais non todas conciben fillos». Desde o firme rexeitamento da dobre moral, reivindicou o dereito da muller ao pracer. E, por suposto, esixiu para elas os mesmos dereitos (e non máis deberes).
Emilia Pardo Bazán recoñeceu o mérito dos compañeiros de camiño que souberon ver a inxustiza dos seus propios privilexios: Frei Benito Jerónimo Feijoo, galego que merecería máis da nosa memoria; Stuart Mill, de quen traduciu La esclavitud de la mujer, e o seu propio pai, quen adoitaba dicirlle que «non pode haber dúas morais para dous sexos».
Na loita feminista dixo estar disposta a deixarse «ata a última gota de tinta» e reivindicou para as mulleres, logo de ser ela mesma rexeitada tres veces, o dereito a ingresaren na Academia «mentres haxa academias no mundo». Porque -así o afirmou-, igual ca os homes, temos o dereito de marcarmos, cun rastro de luz, o noso paso polo mundo. E é de xustiza non deixarmos que o seu se extinga.