Os Ancares

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

25 abr 2021 . Actualizado a las 12:38 h.

Visitei a Reserva dos Ancares hai apenas unhas semanas. O meu compañeiro Carlos e mais eu saímos de Lugo a unha hora prohibida coa intención de ver saír o sol camiñando entre montañas. Os dous quedamos abraiados do que aconteceu aquel día, que xa é un tema recorrente nas nosas conversacións. Acompañados dos que mellor coñecen o terreo, que son os que aló traballan, percorremos vales, subimos aos picos e avistamos animais. Foi unha xornada, como di un bo amigo meu, moi luminosa. Aló, na montaña, mesturáronse moitas sensacións. De súpeto, o peito encheuse de liberdade e a cabeza desintoxicouse do ruído constante da cidade. Os sentidos acostumáronse rápido a esta paraxe espectacular, nun entorno que nada ten que envexar aos segredos naturais máis cotizados do mundo. Inundados de sensacións, foi difícil sentar na oficina sabendo a xoia que agochan Os Ancares.

Por todo isto doe ver como sofre o terreo polas accións das persoas que arrasan por onde pasan, incapaces de valorar o que supón Os Ancares para a provincia, para Galicia e para todo o país. O enfado é profundo ao ver tamén a pouca consideración que teñen ás veces algunhas administracións. É o traballo duns poucos o que sostén unha reserva que ten de extensión case 8.000 hectáreas. O maior espazo natural de Galicia merece algo de consideración e quizais tamén un pouco máis de voz. É difícil imaxinar o traballo que hai neste lugar, pero é doado, nos tempos nos que estamos, coller o coche e ir ver, aprender e mais escoitar aos que aló viven e traballan. Achéguense ata a reserva, camiñen e suban ao Mustallar. Non se arrepentirán.