Os museos regalan arte e flores para celebrar o Día de Rosalía

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación das actividades polo Día de Rosalía
Presentación das actividades polo Día de Rosalía

A Rede Museística ofrecerá agasallos o mércores 24 dentro dun programa cultural organizado pola Vicepresidencia da Deputación que inclúe tamén teatro e intervencións artísticas

23 feb 2021 . Actualizado a las 11:40 h.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, presentou a programación que organizará ao longo do ano a área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o mércores 24 de febreiro. Tomando como punto de partida esta data, a Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras A pluma viva de Rosalía, de Os Quinquilláns; Rosalía, de Culturactiva, e A viaxe de Rosalía, de Urdime, montaxes inspiradas na vida e obra da autora. Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.

Por outra banda, o mercores 24, Día de Rosalía, os catro museos da Rede Provincial (Museo Provincial, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla) agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema Cando a luniña aparece de Cantares Gallegos, e unha flor naturalAs láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e xel hidroalcólico antes de recollelas.

A maiores, a Vicepresidencia sumarase á lectura do manifesto do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), ás 11.30 no Parque de Rosalía.

«Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, que sitúan a esta autora cabeceira da literatura galega tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura. Cremos que inciden nese carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década, co impulso do mundo da cultura e do ensino. Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía», explicou Maite Ferreiro. A vicepresidenta sinalou que «o ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro pero, dada a situación sanitaria, neste edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano. A obra e a figura de Rosalía admite múltiples enfoques, polo que calquera data será boa para achegarse a ela a través destas propostas culturais».