Mensaxe do alcalde Palas polos casos de coronavirus no municipio

Pablo Taboada ALCALDE DE PALAS DE REI

LUGO

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes difíciles momentos para o noso municipio, ameazado polo avance da pandemia do coronavirus, quero facer un chamamento a todos e cada un dos cidadáns palenses, pregando por un último esforzo, previo a fase de inmunización que nos traerá a vacina, faise necesario non relaxar ningunha das medidas de prevención, hixiene e seguridade para facer fronte a este virus.

Son consciente, que levamos meses metidos nesta loita pero non é momento de relaxarnos, Palas de Rei atravesa uns días de máximo avance no número de casos diagnosticados, que aparecen dun xeito explosivo e nun curto período de tempo. Por elo, é importante endurecer as medidas pa intentar atallar a transmisión do virus. Ditas medidas, son as que coñecemos xa, dende un principio da pandemia: o confinamento individual o máis posible; o uso da máscara e lavado de mans; gardar sempre o distanciamento interpersoal de seguridade; restrinxir ó máximo as reunións sociais e estar sempre na mesma burbulla tanto no ámbito familiar como laboral; pero sobre todo, sendo moi responsables individualmente.

Precisamente, agora máis que nunca, unha axeitada responsabilidade individual dos nosos propios comportamentos converterase nun logro colectivo de todos. Estou convencido de que o sabedes entender, como tamén estou seguro de que xuntos, como palenses que somos, sairemos desta.