22 dic 2020 . Actualizado a las 17:51 h.

Teño 47 anos e este será o primeiro Nadal no que non pasarei a Noite Boa en Lugo. Supoño que, coma a min, lles acontecerá a moitos outros lucenses: mozos que estudan fóra, persoas que traballan noutras cidades, emigrantes en Londres que permanecerán confinados. Estou certa de que somos moitos os que racharemos coa tradición de volvermos a casa a noite do 24 de decembro.

Facemos esta renuncia confiando en que as vacinas funcionen, agora que comezamos a ver a luz á outra beira do túnel e temos a esperanza de que nuns meses a situación sexa diferente. Queremos protexer os nosos... Mais é unha decisión dolorosa.

O ano pasado, por estas datas formáronse colas enormes na Praza Maior para entrar aos recheos do círculo. Daquela, non podiamos imaxinar o que nos agardaba. Con sorte, dentro de 365 días faremos un exercicio semellante e volveremos a vista atrás e lembraremos o duro que foi este Nadal de 2020 desde unha normalidade recuperada, coa ilusión dos novos plans e os reencontros, valorando máis ca nunca a posibilidade de volvermos a casa e abrazarmos aos nosos, porque xa saberemos o que significa perdela. De feito, esa recuperación do que fomos vai ser o desexo case universal do cambio do ano, ese intre no que, por máis que sexa unha convención bastante arbitraria, celebramos un novo comezo que abre a porta dos soños e o futuro.

No barrio das Augas Férreas viven os meus lectores máis fieis. No último ingreso do meu pai no hospital, cando me estrañei de que tamén nesas circunstancias lese o artigo semanal, dixo que moi mal tería que estar para non facelo. Así que aproveito esta ocasión para enviarlles, desde aquí, a aperta que esta vez non poderei darlles en persoa. Así faremos todos. Expresaremos o afecto dun xeito diferente e agardaremos acubillados o momento no que facelo coma sempre non poña as vidas en risco. Oxalá ocorra iso no 2021.