Multiplicación

LUGO

24 jun 2020 . Actualizado a las 09:06 h.

A chegada do verán e a finalización do estado de alarma potencia en nós as ganas de recuperarmos os xeitos de vida e os hábitos de antes da pandemia e, sobre todo, as ansias de retomarmos o contacto coa natureza e a xente.

A fin de semana pasada, segundo datos oficiais, triplicouse (respecto á anterior) o número de persoas que fixeron a ruta en catamarán pola ribeira Sacra. Aparentemente, é un dato sinxelo; mais coido que expresa, con enorme forza ilustrativa, a aceleración que estamos tomando nesta desescalada. Nos mesmos días en que se comezaba a falar dos primeiros reagromos na área do Barbanza, en Lugo difundiuse unha foto que causou indignación polo desleixo que transmitía: o xentío gozando do ocio nocturno, maioritariamente sen máscaras e sen gardar as distancias mínimas. Ao parecer, a instantánea foi tomada na noite do sábado ao domingo.

Máis o curioso é que moitas persoas, os mesmos que estamos a facer esta reflexión, incorremos en imprudencias e logo escandalizámonos de certos comportamentos irregulares. Isto non é novo. Trátase da vella tendencia a vermos o argueiro no ollo alleo e ignorar no noso o fungueiro; alimentada por outra tendencia tamén constatable: a de minimizarmos o noso propio risco e pensarmos que este afecta só aos demais.

Estamos deixando atrás o período escuro do confinamento. Devecemos por un verán cheo de ledicia e experiencias. Máis poida que a realidade non o permita tan alegremente. Coma en tantas cousas, cómpre atoparmos un punto intermedio. Para non sermos dos que saen na foto e logo se indignan. Ou dos que primeiro actúan con irresponsabilidade e logo se queixan.