O éxodo no rural galego ten cara de muller

LUGO

Manifestación feminista en Lugo
Manifestación feminista en Lugo CARLOS CASTRO

A investigadora da USC Rocío Toxo atópase cun perfil feminino ao analizar o abandono das zonas despoboadas

06 mar 2020 . Actualizado a las 17:00 h.

Rocío Toxo investiga as migracións actuais no rural galego. Prepara a súa tese doutoral para poder aportar medidas contra o despoboamento. Achegouse á cuestión sen condicionamentos previos e decatouse examinando os datos que o éxodo no campo ten cara de muller. Decatouse entón de que o estudo merecía partir desde unha perspectiva de xénero porque as circunstancias delas permiten comprender outras cuestións, como son por exemplo as baixas taxas de natalidade.

Entre o ano 2010 e 2015, período estudado por Toxo, o perfil do emigrante no campo galego é o dunha persoa que ten entre 25 e 29 anos, en maior medida muller. De cada mil mozos do rural marcharon 65, mentres que de cada mil mozas marcharon 88.

Consenso

Aínda que no estudo non afondan nos factores que levan ás persoas a abandonar as zonas despoboadas, Toxo sinala que «a nivel europeo hai certo consenso co que está a acontecer nas zonas rurais, que apunta á falta de oportunidades laborais, a procura do acceso a un maior nivel educativo, da mellora nas condicións de vida ligado a unha mellor oferta de servizos...».

No caso de España, esta investigadora sinala que as particularidades do mercado laboral contribúen a que as mozas do rural emigren máis ca os mozos porque é nese ámbito onde as diferenzas entre unhas e outros se acentúan aínda máis.

«As mulleres se concentran no sector servizos ou en actividades tradicionalmente consideradas femininas, como a educación, os servizos á comunidade... Eses sectores feminizados son os que teñen os salarios más baixos, sen posibilidades de promoción e un menor recoñecemento social», apunta Rocío Toxo.

O feito de que sexan as mulleres as que emigran sería a explicación doutros datos, como as baixas cifras de natalidade. «En Lugo por exemplo, o índice de envellecemento é enorme, do 500 % no ano 2015. De cada 100 persoas menores de 16 anos había 503 de 65 anos ou máis. Me parece unha barbaridade, cando no 2000 eran 354 por cada 100 menores de 16», afirma Toxo, que esta semana participou na última edición dos «Encontros de Lúa Chea» organizados pola USC no que se propoñía un foro público no que falar do «éxodo silencioso da muller no rural».

Para ela foi unha sorpresa atoparse alí cun auditorio dunhas corenta persoas de todas as idades e moi interesadas nas conclusións que constrúen a tese doutoral na que traballa.

¿Contribúen investigacións coma a súa a aportar solucións contra o despoboamento? «Queremos pensar que si!», responde entusiasmada para despois precisar: «O que intenta o noso estudo é aportar medidas que permitan frear esta situación, pero aínda é cedo porque estamos na análise de datos e non estamos nesa fase de afondar nas causas».

Toxo cre que a tendencia do rural a perder poboación é clara e debuxa un escenario incerto: «Entre o 2035 e o 2064, 96 concellos rurais de Galicia poderían quedar con cero habitantes empadroados, 31 deles en Lugo».

Voltar ao rural tras 14 anos de traballo na cidade, a aposta persoal de Chelo

 «Traballaba en Lugo nunha xestoría e deixeino despois de 14 anos para apostar polo proxecto que temos en marcha. O meu foi unha volta no laboral porque o que é vivir, sempre vivín no rural», sinala Consuelo López, que xunto o seu marido xestiona a gandería Quintián no Páramo, con tres empregados. Estaba convencida de que o seu produto era bo, a leite da explotación que herdaron dos seus sogros, e quería tomar as rendas. Asumiu as complexidades que supoñía deixar atrás un traballo estable para embarcarse nunha aventura, pero o fixo co apoio da familia.

Aos seus 45 anos e con dúas fillas, recoñece que na época na que ela comezou a tirar do carro non había referentes femininos e agora, o feito de que ela poda selo para outras compañeiras no rural é algo do que sentirse «orgullosa», aínda que consciente da «responsabilidade» que supón.

De feito, Chelo forma parte da Asociación de Executivas de Galicia. «É importante que sirvamos de exemplo para outras emprendedoras e para as nosas fillas, esta é a miña filosofía, é o que fago e polo que estou aquí», defende. Nas novas xeracións de mulleres aprecia «outra mentalidade. Son máis libres e máis autónomas».

Silenciadas

Percibe que hai interese polo rural e por que a muller deixe de estar nese ámbito, coma noutros, silenciada. Así se puxo de manifesto na sesión de «Encontros de Lúa Chea» organizado o pasado martes pola USC e no que ela participou para contar a súa experiencia de emprendemento.

Dedicou tempo a formarse e viaxar para coñecer diferentes queixerías porque na súa mente estaba crear unha que fora artesanal. A día de hoxe, producen dous tipos de queixo nun local novo, baixo terra e respectuoso co entorno. «Non se poden facer proxectos cerrados», conclúe para xustificar a súa aposta polo campo.