Economía, racismo e cegueira

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

11 mar 2020 . Actualizado a las 11:43 h.

Éun lugar común pensarmos que a intelixencia e a técnica nos permitiron aos humanos superar as condicións de supervivencia doutras especies, que se enfrontan, decote, ao dilema de saíren á procura de alimento para as súas crías (e asumiren o perigo de se converteren, á súa vez, en presas e perecer) ou quedaren acubillados e morreren de fame.

Pois ben, semella que, aínda que sexa dun xeito aparentemente máis sofisticado, seguimos nesa conxuntura básica. Porque o coronavirus non é o ébola, mais é probable que se o fose seguísemos apelando á debacle económica coma algo aínda peor e máis temible, e preferindo que o Ibex non baixase antes que tomarmos medidas de contención.

Calquera medida é xa inútil e , daquela, é preferible un mal ca dous, así que cómpre agardarmos que o coronavirus sexa, como din, coma unha gripe. Pero non nos podemos agochar a nós mesmos é que, mentres estaba na China, o tratamento informativo foi un e cando comezaron a se daren casos en España houbo unha viraxe cara a insistirmos en que non é para tanto e que non compromete as Fallas de Valencia e a Semana Santa de Sevilla. Os mesmos aos que hai unhas semanas non se lles ocorrería colleren un voo a Asia e mesmo rexeitaban iren xantar a un restaurante chinés ou mercaren nos seus negocios, agora queren que o turismo internacional non nos deixe de vistitar. E esta incongruencia asúmese con toda naturalidade, sen sentírmonos abochornados. Pero a min indígname. Poida que houbese alarmismo, e que cumprise relativizar a situación (cando semellaba que a saúde e a economía comprometidas eran chinesas) ou poida que nos trabuquemos agora ao querermos seguir como se tal cousa. Non é admisible que mudemos de opinión coma o vento.