Luis Villares

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Luis Villares entrou en política, Isidoro Rodríguez, capitán de María Castaña, falaba e non paraba do rapaz que participara con este colectivo en Televisión Lugo, escola televisiva que, se a eles os realizaba, a nós nos afirmaba como dinamizadores culturais da sociedade lucense. Sorprendía que Villares renunciase ao Tribunal Supremo de Galicia para lanzarse a un territorio habitualmente reservado aos que buscan un lugar baixo o sol, con soldo impropio dun primeiro emprego, no que o «primum vivere» só se ve superado polo «sálvese quen poida» na defesa dos intereses propios ou públicos.

Logo dun tempo convulso onde nada lle resultou como pensaba, Luis Villares volve ao seu posto de xuiz, cansado dun intenso período de proba no que resultou escaldado por Anova, Podemos, Esquerda Unida ou En Marea; anacos que, unidos con seriedade poderían ser moi importantes para o país. Éme simpático Luis, ao que volvín atopar na Santa Sabela de Outeiro de Rei, no cabodano de Manuel María, e ten moito de amistoso, agradable, cercano… e deséxolle na súa volta á normalidade xudicial -que ten as súas cousas, pero nada que ver co avispeiro político-, que teña a festa en paz, e que a súa profesión lle permita curar feridas e comprobar que para a política hai que ter un temple especial, anchas as costas, e prendas que non doan.

Eu non vexo a un xuiz metido en política -mundos distintos, reglas opostas; nada que ver- e agardo que o lucense amigo teña a volta á casa do fillo pródigo despois de derrochar a mans cheas intelixencia e vontade, e de chocar contra muros aos que non vale a pena intentar derrubar.