O mapa da morte


Estes días coñecemos un mapa interactivo publicado por investigadores valencianos onde se recolle a distribución xeográfica do risco de morte. O auxe das Humanidades Dixitais estanos a proporcionar este tipo de mapas que, con toda a forza da imaxe, nos sitúan diante de dimensións xeográficas que nos convidan á reflexión. Neste caso, debo confesar que, ao me enfrontar aos datos, lembrei A montaña máxica, a marabillosa novela de Thomas Mann, e a escena na que Hans Castorp mete a man na máquina de raios X e alí, desprovistos de carne, pode ver os ósos da súa man, que o enfrontan ao seu propio final, e o anel flotando, facéndolle sentir que aquela é, sen dúbida, a súa propia man, máis punzante aínda que Hamlet mirando de fronte a caveira de Yorick.

O mapa da morte desa máxica montaña sería ben doado (alí todos morrían de tuberculose), mais este que nos ocupa presenta innumerables matices, xa que podemos írmonos desprazando por el. Tomando Lugo como referencia, conforta sabermos que o risco é baixo (un dato que non deixa de ser curioso toda vez que morrer, polo momento, morremos todos), e é bastante representativo do conxunto de Galicia ao presentar un risco de morte global baixo, pero ter nos accidentes de tráfico e no suicidio os máis destacados desvíos á alza.

O das mortes de tráfico ben o comprendemos. Para explicalo abondaría outro mapa que reflectise o trazado das nosas estradas. A intención do estudo (din os investigadores) é contribuír a traballar na prevención. Non sei… Polo momento, leváronnos diante da nosa propia morte. Iso que antes facía sobre todo a arte e aquí ten forma de mapa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O mapa da morte