Carlota, a lucense máis madrugadora do 2020

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Naceu no HULA pouco despois das doce badaladas e pesou 3.150 gramos

02 ene 2020 . Actualizado a las 20:49 h.

A pequena Carlota dorme tranquilamente no seu berce do Hospital Universitario Lucus Augusti. Seus pais, Paula Fernández e Miguel Rodríguez, óllana de preto, cos rostros cansos e felices, mentres se fan á idea de que acaba de chegar ás súas vidas. Carlota foi a primeira nena nacida na provincia de Lugo no ano 2020 e a segunda de Galicia. Chegou ao mundo ás doce e vinte e catro minutos, apenas dez minutos máis tarde que Iago, nacido en Valdeorras e que se converteu no primeiro nado en Galicia.

Carlota chegou ao mundo por cesárea. O seu nacemento estaba previsto para a Noiteboa, pero preferiu agardar ao ano novo para converterse no perfecto agasallo de Nadal da súa familia. Os servizos de obstetricia do Lucus Augusti previran o parto para o último día do 2019, pero ao final a tarefa prolongouse. «Pensei que ía nacer antes. Estaba programado para as oito da tarde, aproximadamente, pero cando estaba para nacer xirouse e por iso me tiveron que facer a cesárea», conta Paula, feliz e esgotada.

Os pais, primeirizos, só puideron durmir un par de horas na primeira madrugada do ano, e dende que comezou o día os seus teléfonos non deixan de soar con felicitacións de amigos e familiares. Cando se lles pregunta que lles parece que a súa pequena fose a máis madrugadora da provincia, sorrín e amósanse encantados. Sobre todo, porque así non será a máis pequena da clase.

«Nós contabamos con que o nacemento fora o ano pasado, pero realmente preferiamos que nacera neste ano. Así será a máis grande da clase, senón sería a pequeniña», explica un Miguel que non é quen de agochar o sorriso. Está feliz. Ademais, o feito de que Carlota agardase ao aninovo para nacer chegará con vantaxes para os seus pais, posto que dende este mércores está en vigor a nova lexislación que regula os permisos de maternidade e paternidade.

«Estamos emocionados e contentos», confesa a parella, ela de 23 anos e el de 33, e que vive en Lugo, «pero haberá que quedar no hospital uns días para poder recuperar», engade a nai. Paula debe repoñerse da cesárea antes de poder marchar para un fogar no que agora son un máis. «Atópome ben, pero teño que recuperar».

Da súa filla, contan os pais que se porta moi ben. «Só chora para comer». As primeiras horas de vida coa pequena marchan sobre rodas mentres os avós, tamén primeirizos, contan con orgullo o contentos que están coa chegada do novo membro á familia. Paula e Miguel cambiaron as tradicionais uvas de entrada ao aninovo por cueiros e patucos, pero mereceu a pena o troco no ritual.

Outra nena en Lugo

O nacemento de Carlota non foi o único que tiveron que atender no Hospital Universitario Lucus Augusti na primeira madrugada do ano. Arredor das catro da mañá nacía outra nena que se atopa un par de portas máis para aló de onde descansa Carlota. O 2020 comeza na provincia coas mulleres pisando forte.