Historias do tren

LUGO

18 dic 2019 . Actualizado a las 08:42 h.

Probablemente, non hai outro medio de transporte dotado de tanta poesía. A literatura e o cinema están ateigados de escenas inesquecibles vinculadas a un tren, de historias que falan do tránsito de trens que se cruzan ou de vidas que se afastan para sempre na plataforma dunha estación. Nunha estación de Moscova, vense, por primeira vez, Anna Karenina e Vronski e nese mesmo sitio pon ela fin á súa vida cando remata a súa historia de amor. Nun tren paralizado pola neve, sitúa Agatha Christie ese espazo de reclusión para Cassetti e as doce mans que o xulgan en Asasinato no Orient Express. Un dos contos infantís que lembro con máis cariño titulábase Historias de un viejo tren. Cantándolle a unha locomotora saudou Curros o progreso que chegaba a Galicia da man dos camiños de ferro. E Carlos Casares coleccionaba pezas deses trens de xoguete que son como engaiolantes mundos en miniatura.

Cando eu era moza, o tren, ao seu paso pola estación de Lugo, conformaba a banda sonora das horas nocturnas. O seu son inequívoco, xunto co do motor da neveira, acompañaban ritmicamente as noites de estudo ou insomnio. Coido que todas e todos temos lembranzas ligadas ás vías do ferrocarril e revestidas, pola aura do propio tren, dunha especial beleza nostálxica.

Por iso é triste que o tren esmoreza. E o xeito de evitalo non semellan as 77 incidencias que se produciron neste medio de transporte en Lugo entre o 1 de outubro e o 3 de decembro. A creación da rede de ferrocarril puxo fin a un illamento secular e foi un factor fundamental de progreso para a cidade. Hoxe en día, cando a preocupación polo cambio climático medra de xeito imparable, semella máis necesaria e sensata ca nunca unha aposta por un tren rápido e eficaz. A chegada da alta velocidade é un vello soño que se demora xa en exceso. O tren non pode ser só un vector do pasado, senón unha firme e decidida aposta de futuro.