San Fernando: cutrez e incompetencia

Adolfo de Abel Vilela (historiador)

LUGO

óscar cela

PSOE e BNG non terán máis remedio que crear o museo da romanización porque a Xunta do PP non o fará nunca

27 nov 2019 . Actualizado a las 18:20 h.

Aresposta á reivindicación do Cuartel de San Fernando por parte da Xunta de Galicia, enténdase de Román Rodríguez González conselleiro de Turismo e Cultura, a través do delegado da Xunta que cumprindo co seu papel actúa como «la voz de su amo», non só é desconsiderada cunha parte da cidadanía que sentimos e vivimos as cuestións relacionadas co patrimonio histórico artístico como unha parte do legado dos nosos antepasados, senón tamén insultante por eludir o cumprimento dun compromiso adquirido con Lugo.

Porque non se trata de dicirlle aos que gobernan no Concello de Lugo o que teñen que facer cun proxecto fracasado como o é o MIHL, senón que se trata de que o conselleiro nos explique porque se nega a facer no Cuartel de San Fernando un museo ofrecido por un antecesor seu e do seu partido, para cuxo destino o Concello puxo o edificio a disposición da Xunta hai máis de dez anos e a consellería convocou e fallou un concurso para a súa rehabilitación.

O Museo Arqueolóxico non é unha infraestrutura caprichosa, inútil e innecesaria, senón imprescindible non só para a salvagarda, estudo e divulgación do riquísimo patrimonio arqueolóxico que temos agachado e disperso, senón para a economía dunha cidade terciaria e decadente que precisa a creación de produto cultural destinado ao turismo de calidade. E este tipo de museos instálanse nos recintos históricos e non no quinto pino.

O conselleiro xa nos dixo antes por boca do seu voceiro que o museo non era necesario porque aquí xa había moitos, argumento que resulta rechamante e pouco favorable para o seu prestixio nunha persoa que é licenciada en Xeografía e Historia.

El Cuartel de San Fernando vuelve a abrir sus puertas el jueves 21
El Cuartel de San Fernando vuelve a abrir sus puertas el jueves 21 OSCAR CELA
 

A broma do parador

Agora acaban de tirarnos un oso, a broma do parador, para que pasemos o tempo en discutir a que se debe dedicar o antigo cuartel, e así, ante a disparidade das propostas, que nos volva a repetir -o museo non se fai porque non hai consenso-. Que o presidente da Xunta teña como escaparate da Cultura e do Turismo do país a un conselleiro que di estas cousas é para poñerse rubio.

Visto o visto algúns xa temos asumido que mentres a Xunta de Galicia estea gobernada polo PP, Lugo non terá nunca o Museo Arqueolóxico. Así que os lucenses deberían tomar nota para cando teñan que votar no outono do ano que ven.

No caso de que a decisión dos votantes sexa seguir mantendo nas poltronas a cutrez e a incompetencia, o PSOE e o BNG non terán más remedio que afrontar a rehabilitación nos tres anos que lles resten do mandato municipal, e nos dous seguintes deberían formalizar a creación, dotación e instalación do Museo para inauguralo no 2025, como un dos eventos para conmemorar o 50 aniversario da celebración do Bimilenario.

O exemplo de Málaga

E para rematar unha suxestión para o conselleiro e o seu voceiro. Deberían dar un voltiña por Málaga para falar co alcalde. Ignoro se o coñecen, pero para os que non saiban quen é, transcribo o que di del a Wikipedia: Francisco Manuel de la Torre Prados (Málaga, 21 de diciembre de 1942) es un político español. Desde el año 2000 es alcalde de la ciudad de Málaga, la cual ha experimentado bajo su mandato un amplio desarrollo cultural y museístico de gran visibilidad internacional,? que se ha reflejado en un incremento vertiginoso de las cifras turísticas de la ciudad a nivel nacional,? y una amplia rehabilitación patrimonial del casco histórico,? que sufría un profundo deterioro,? gracias en gran medida a la gestión de las ayudas millonarias proporcionadas por los fondos FEDER europeos».

O señor De la Torre foi reelixido por sexta vez nas pasadas eleccións, e non é alcalde do PSOE senón do PP. Baixo o seu mandato Málaga apostou pola cultura inaugurándose máis dunha trintena de museos que situaron á cidade como un centro cultural nacional e europeo. A min gustaríame ter a este señor como alcalde da miña cidade ou como conselleiro de Cultura e Turismo. Agora entenderán porque digo, e desexo, desterrar das poltronas a cutrez e a incompetencia.