O BNG «vai a por todas» en Lugo

Ana Pontón presenta as candidaturas ao Congreso e o Senado para as eleccións xerais, con Olalla Rodil como cabeza visible


«Unha candidatura de país, diversa, plural e representativa de todas as comarcas de Lugo que ten como obxectivo recuperar unha voz propia, unha voz forte para esta provincia ante o Congreso para defender os intereses da xente de Lugo tras soportar estes anos a discriminación das forzas estatais», en palabras de Olalla Rodil, cabeza de lista ao Congreso por Lugo na presentación da candidatura ás eleccións do 10N que tivo lugar este mediodía.

Unha candidatura «que suma a favor do país desde a diversidade cando outras forzas se dividen», destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen agradeceu o apoio de Compromiso por Galicia: «Necesitamos unha voz galega que coloque na axenda do Estado as cuestións clave para Lugo», recalcou, tras manifestar o compromiso de utilizar a forza que teña no Congreso para condicionar a política de Estado a favor de Galicia.

«O compromiso do BNG é moi claro: se temos a confianza dos e das galegas a partir do 10N condicionaremos calquera apoio de investidura a que teñamos un prezo xusto e competitivo da electricidade para salvar as nosas industrias electrointensivas e o emprego en ALCOA, a que teñamos unha tarifa eléctrica galega que permita a sociedade beneficiarse da riqueza deste país», proclamou en Lugo.

A líder nacionalista instou a «transformar o cabreo nun voto que defenda dos intereses dos galegos e das galegas», ao tempo que se preguntaba «como pode ser que veña o presidente da Xunta e a ministra de Transición Enerxética a ALCOA sen unha soa solución cando hai tantos empregos en risco. A situación de crise desta factoría é responsabilidade directa dun PP e dun PSOE que crearon un marco eléctrico que aboca ao peche unha fábrica estratéxica nesta provincia e no país».

Rodil afondou nos mesmos argumentos. «Somos conscientes da frustración e do cabreo ante esta repetición electoral, pero debemos converter o 10N nunha oportunidade para que Lugo volva ter presencia no Congreso para facerse valer ante o Goberno do Estado, e acabar coa discriminación e o desprezo das forzas estatais».

A actual parlamentaria por Lugo do BNG lamentou as «infraestruturas ferroviarias que empeoran, como a conexión con Barcelona ou no feito de ter a única vía sen electrificar do país, cun FEVE cada día máis desmantelado na comarca da Mariña, un ninguneo nas infraestruturas pero tamén en dereitos sociais e laborais», denunciou Rodil. Por iso, proclamou, «saímos a por todas para poñer Lugo no mapa, porque temos dereito a vivir e traballar aquí, desta vai que Galiza volve ter representación no Congreso».

Pontón destacou «un BNG á alza que suma e ofrece seriedade, rigor, traballo e o compromiso de que non imos fallar, porque o Bloque non foi parte do problema e quere ser parte da solución, porque Galiza ten dereito a un futuro mellor  e para iso hai que ter peso político que só vai vir dunha forza propia e coas mans libres como o BNG. E sen maiorías absolutas, os deputados e deputadas nacionalistas van condicionar a política do Estado a favor do país», concluíu.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O BNG «vai a por todas» en Lugo