O Mercado Medieval celebrarase o sábado 12

LUGO

Demostración de cetrería no Mercado Medieval do ano pasado
Demostración de cetrería no Mercado Medieval do ano pasado ALBERTO LÓPEZ

O San Froilán vivirá unha volta ao Medievo con malabares, obradoiros, lendas, teatro, mercado, animación e moita música

28 sep 2019 . Actualizado a las 13:19 h.

Sábado 12 • Praza Pío XII e contorna da Catedral • Lugo • 

O XX Mercado Medieval celebrarase o sábado 12 na Praza Pío XII, organizado pola Asociación de Antigos Alumnos da EASD Ramón Falcón.

A cita comezará ás 11.00 horas co voo dunha aguia de Harris, que portará o pregón e dará inicio ás actividades que se estenderán durante todo o día, ata as 22.00. O grupo Vita Brevis poñerá animación ao mercado e celebraranse obradoiros de artesanía e exhibicións de cetrería.

Ás 12.00 comezará o desfile polo centro da cidade, encabezado por cabaleiros templarios e cetreiros, xunto con titiriteiros e a danza de Virginia Mora. Luís O Caruncho e Chus Iglesias, O Cego de Matamá e Aldariña de Candeán, traerán cantos e contos á praza de Pío XII, mentres que Pepe Penabade, de Volta e Dalle Teatro, traerá a súa creación O Menciñeiro, Buqueira Novo de Mondoñedo.

Ás 13.00, o mestre de trobadores Crispin d´Olot recreará a súa versión d´O Cego, que estará acompañado pola danza de Virginia Mora e co espectáculo O Peregrino Apresado, personaxe que relata as súas andanzas buscando quen o poida liberar da cadea. Ás 18.00, o grupo Bóreas Antiqua, formado por Diego Fernández Vilela e María Neira Neira na frauta traveseira, Xosé Fernández Arias ao fagot e a mezzosoprano Elísabet Filgueira Gesteira interpretarán cantigas galaico-portuguesas dos séculos XV e XVI na capela de San Froilán da Catedral.

No mercado, Ali Kaskabel realizará un espectáculo de malabares e O Bufón Urcúleo, de Cía.Persona-Je interpretará relatos de mofa.

A partir das 20.00 comezará a despedida do Mercado, con Virginia Mora, Alicia a Xuglaresa, coa súa versión de Danza de Wakiria e Crispin d´Olot relatando vivenzas e trobando secuencias do medievo en clave de humor.