Corazón de artista, mans fariñentas

María Guntín
maría guntín PARGA / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Mariana Roura reparte pan polas aldeas de Parga e sente paixón pola ilustración

10 ago 2019 . Actualizado a las 19:50 h.

Mariana Roura naceu na Coruña. Os seus trazos físicos e as súas palabras deixan entrever que é unha persoa leda, unha amante da natureza, dos animais e mesmo da vida. Dende unha mesa de pedra, a carón dun hórreo e do albergue Witericus -no que se venden postais coas ilustracións de Mariana-, na aldea de Carballedo, a escasos dez quilómetros de Parga, atrévese a contar os seus soños, medos e paixóns. Agora mesmo vive en Guitiriz, pero o seu día a día transcorre máis ben en Carballedo. Alí ten a base dende a que reparte o pan cada día na súa furgoneta.

Mariana non sabe por que comezou a ilustrar natureza, pero si ten claro que é algo polo que sente paixón dende que era pequena. «Comecei cos paxaros, saíndo aos doce anos pola Coruña. Era un desexo absoluto. Cando era pequena só pensaba que, cando fose maior, marcharía vivir ao campo». E Mariana conseguiuno. Agora, os seus animais que viven a carón de Witericus forman parte do seu día a día e da súa vida. Blanca é unha ovella con comportamento de persoa e Frida, un can que impón dozura e respecto -polo seu tamaño- a partes iguais. Mariana tamén ten gatos e coellos.

Carlos Castro

Unha paixón innata

«Miña mai e meu pai pintaron dende sempre. Estaba no seu colo mentres facían o proxecto de fin de carreira da Pablo Picasso. Mamei de aí», explica Mariana. Na Coruña soubo buscar a natureza aos pés da torre de Hércules e en Santa Margarita. Nas glorietas recollía caracois. Percorría sen cansar todos os espazos verdes da cidade. Comezou pouco a pouco. Un día probou con acuarelas. Entón empezou a desenvolver ese talento e vocación innatos.

Comezou copiando fotografías. «Unha foto é un microsegundo. Non colles a esencia do que é o animal». Foi entón cando decidiu cambiar un pouco o rumbo. Agora tamén imparte cursos, fai quedadas a través de Internet e toma rumbo aos recunchos naturais máis bucólicos da provincia. «Interésame o conservacionismo. Atráeme que a xente una ilustración e conservación», explica Mariana. Ata agora, non se dedicou profesionalmente á ilustración, pero si e algo que deixa entrever que podería acontecer proximamente. É algo que se formulou moitas veces e intenta compatibilizalo. «Penso que se o vira como unha obrigación non o gozaría tanto», explica esta muller.

A Mariana tamén lle gustan a cerámica e o mosaico. A maior parte das súas ilustracións son a acuarela, con lapis acuareable ou a acrílico. Tamén lle gustan as técnicas de carbón e ao pastel. Gústalle probar e gozar da arte.