2-0

María L. Sández

LUGO

07 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguindo a cadencia rítmica dos ciclos deportivos, toca, nestes días de agosto, que os xornais se enchan coas novas da pretemporada, como a victoria 2-0 do Lugo ronte ao Castela do pasado sábado en Viveiro. O deporte suscita adhesións e tamén críticas dos seus detractores, que ven na conxunción de paixóns humanas reunidas nun espazo circular, que é o espazo do rito, unha explosión de irracionalidade e de potencial perigo. Para os que contemplan distanciados e arrepiados a catarse colectiva e os berros dos afeccionados, o fútbol é a quintaesencia do opio do pobo.

Os inimigos do fútbol tenden a selo igualmente do antroido, sen dúbida porque ambos se dirixen á dimensión irracional do ser humano, á máis pulsional e instintiva, e permiten a liberación daquilo que, segundo as regras de convivencia, ten que permanecer maioritariamente refreado e reprimido.

O fútbol xerou analistas e pensadores agudos sobre a súa propia actividade e interesou a intelectuais e científicos como Carl Sagan ou Eduardo Galeano porque todos eles souberon ver que no xogo arredor da pelota, esa presa simbólica que pugnamos por levar ao cesto, se dirimía algo relevante para comprendérmonos como especie: a caza e a loita como actividades fundamentais para a supervivencia modelaron en nós algo que, nas sociedades modernas, conservamos, de xeito simbólico, a través de deportes que son, ao mesmo tempo, unha caza simbólica e unha escenificación da guerra.

A falta dun lume ritual no claro do bosque, quédannos os estadios do Lugo e o Breo, e máis agora, que xa queda pouco para que comece a liga.