Bicos a moreas no corazón da Ulloa

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Monterroso viaxou aos anos vinte do século pasado para homenaxear a figura dos emigrantes

28 jul 2019 . Actualizado a las 21:32 h.

Dende hai décadas, cando chega o 1 de agosto a feira de Monterroso convértese nun ir e vir constante de bicos e apertas. Ao igual que sucedía no pasado, as xentes que retornan ao municipio -ben para as vacacións, ben por regresar de traballos que os levan máis aló do Padornelo- intercambian cos da vila e as aldeas saúdos e afectos. Eses bicos a moreas que se suceden dende hai infinidade de anos serven hoxe en día de motivación para a Feira dos Bicos, unha celebración que este domingo fixo viaxar no tempo ao municipio da Ulloa ata deterse nos anos vinte do século pasado.

Un flamante Citroën 11 Ligero dos anos corenta dun brillante negro acibeche presidía a praza do Alcalde Rojo Losada. Fermosos traxes inspirados na década dos vinte, sombreiros, toucados, perlas ou discretos tacóns engalanaban a mulleres e nenas, mentres os homes e rapaces lucían orgullosos traxes con chalecos, sombreiros de feltro ou tirantes. Todos eles estaban dispostos a pasalo ben e a repartir contos, lembranzas e bicos cos veciños e cos de fóra, como manda a tradición.

Diversos artesáns amosaron en directo o seu saber con obradoiros e demostracións. Houbo animación e circo na rúa e tamén a obrigatoria sesión vermú, na que a Banda Dambara se encargou de poñer a nota musical.

Xa pola tarde, a maxia e os xogos tradicionais serviron de entretemento para un público entre o que abundaban os veraneantes de Bilbao e Barcelona, que, coma todos os anos, retornan uns días a Monterroso para reencontrarse con familiares e amigos. Entre todos compartiron historias e recordos ata que a música tomou de novo o mando. O serán, a cargo de grupos da zona, puxo o punto e final a unha xornada de reencontros e bicos. Moitos bicos.