Nin os ríos de tinta que se levan escrito sobre o tema, nin as numerosas manifestacións de repulsa popular ou institucional que ateigan de xente as prazas das nosas cidades, semellan poder conter a violencia machista. E estes días tocounos ben de preto.
Todos os grandes cambios sociais implican custos. A erradicación da escravitude, o abandono do colonialismo ou a defensa dos Dereitos Humanos esixiron loitas virulentas. Mais o feminismo presenta certas características específicas que, no canto de exercer unha violencia directa contra o opresor, o achegan a esa resistencia pasiva que defendía Gandhi. As mulleres tomaron conciencia da importancia da súa propia liberdade e saíron da posición e a mentalidade de escravas. Claro que, antes da consolidación irreversible dos cambios hai unha explosión virulenta de represión por parte do poder establecido.
É o prezo que mulleres como Mari Carme están a pagar por todas nós. Probablemente, os opresores coloniais tamén sentiron que os seus súbditos eran uns desagradecidos que non sabían valorar os seus amos, que os agasallaron cos beneficios da civilización e o progreso. Algo se xoga e se pon en cuestión da identidade do opresor que lle impide seguir existindo tal como era. Cando o escravo rompe coas súas cadeas mentais é toda a sociedade a que muda.
Cómpre lembrar que na loita contra a escravitude foi decisiva a transformación da mentalidade da maioría dos brancos. A igualdade é positiva para todos e sería bo saber que aquel que ten un escravo acaba portando unha cadea.