Unha devoción de 1669 aínda presente

O acto que se celebra en Lugo é un dos maiores sinais da identidade galega que se conservan na actualidade

XULIO XIZ

O 1 de marzo de 1669 rubricouse na cidade da Coruña o documento que orixinaría a Ofrenda anual que o Antigo Reino de Galicia se comprometía a efectuar na Catedral de Lugo ao Santísimo Sacramento, iniciándose unha das cerimonias máis antigas e fermosas que seguen vivas na actualidade.

Unha exposición que está percorrendo Galicia mostra a excepcional realidade que xeraron os 350 anos que se conmemoran en 2019, facendo patente que aquel sentimento de comunidade e devoción á Eucaristía que se demostrou en 1669, segue hoxe presente, superando todos os avatares da historia.

A evolución temporal da cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento é na actualidade un dos maiores signos de identidade da comunidade galega, reunindo anualmente en Lugo, a Cidade do Sacramento, aos bispos das dioceses galegas e aos representantes -delegados rexios- das capitais do Antigo Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Tui, Mondoñedo e Betanzos. Os riquísimos arquivos lucenses permiten que agora saian á luz, por primeira vez, datos e documentos que proporcionan unha visión global e detallada, do que ao longo de tres séculos e medio foi xerando o tesouro cultural e social que supón a secular cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia.

 A inmemorial devoción

A Catedral de Lugo goza, desde tempo inmemorial, do privilexio da exposición continua do Santísimo Sacramento. Da súa orixe propóñense datas posteriores ao s. X, e outras anteriores, coma o ano 447 ou o século I, visible na imaxe do coro da catedral do lucense San Capito, cunha custodia descuberta; sen embargo, a referencia estandarizada ao comezo da Ofrenda do Reino de Galicia é de mediados do s. VI, coincidindo co Concilio de Braga, amosando Lugo, e Galicia, permanente defensa da presenza de Xesús nas especies consagradas, eliminando así as herexías priscilianistas, quedando visible proba na imaxe da Fe esmagando estas herexías, tanto ao pé da custodia do Altar Maior coma na fachada principal.

Na Idade Moderna este privilexio aparece repetidamente encionado: en 1619 o bispo Alonso López Gallo menciona que a “Yglesia de Lugo es fundacion de los Apostoles, fue Metropolitana, y desde la extirpacion de la erigia de los Prescilianistas existe descubierto el Santísimo” datando o seu comezo en tempos do rei Teodomiro; e Frei Miguel de Fuentes, en 1696, lembra: “su Divina Magestad Sacramentado que esta dia y noche patente en el altar mayor desta santa iglessia desde que en ella se zelebro en tiempo del Rey Theodomiro el concilio en que se condeno la Heregia de los Priscilianistas que negaban la Real y verdadera assistencia de nuestro Señor Jesucristo debaxo de las especies consagradas”. As mencións a isto seguen no s. XVIII, cando o bispo Manuel Santa María (1726), lembraba a súa orixe: “reinando Theodomiro Rey de los Suevos, en que se extirpó la Herejía de los Priscilianistas”.

 Traslados

O Santísimo Sacramento non sempre estivo na Capela Maior, sendo trasladado en ocasións á Sancristía; ocorreu a finais do s. XVII, coa reforma das naves, e na segunda metade do XVIII, tras o terremoto de Lisboa de 1755, sucedendo aí un terrible incendio, en 1761, que afectou á custodia portadora da Santa Hostia. Estas vicisitudes culminaron co roubo, en 1854, do Santísimo Sacramento, sufrindo un novo intento de roubo en abril de 2008, debido ao incalculable valor económico que ten esta alfaia.

O Santísimo Sacramento segue exposto día e noite no Altar Maior, mostra do profundo sentimento dos fieis da Diocese. O Reino de Galicia xurdiu ao longo da Idade Media con raíces nos territorios da Gallaecia romana e dos reis suevos, destacando entre estes Teodomiro (s.VI), situando varias fontes da Diocese de Lugo do s. XVII, no seu reinado, a orixe da exposición permanente do Santísimo na Catedral de Lugo; emblema deste reino cristián do norte peninsular.

 Xunta do Reino

O territorio da actual Galicia sufriu numerosos cambios administrativos na Idade Media; destacando a súa unión ao Reino de León, por parte do rei Ordoño, no s. X ata que, co reinado de Fernando III “el Santo” (s. XIII), foi anexionado á Coroa de Castela. Os Reis Católicos realizaron tamén varias reformas neste territorio e, en 1528, en tempos de Carlos I, creouse a Xunta do Reino de Galicia, entre cuxas actas aparece, case século e medio despois, a escritura que este reino subscribiu para o donativo do alumeado do Santísimo Sacramento.

Unha das cuestións máis relevantes do Reino de Galicia na Idade Moderna foi o seu dereito a voto nas Cortes, xa que Zamora a representaba desde o s. XV. Por fin este dereito se recoñece o 13 de outubro de 1623, no reinado de Felipe IV, mercé a xestións de ilustres personaxes como Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos.

 Cáliz e cruces

Este histórico reino conserva símbolos tan visibles coma a súa bandeira, co cáliz e as cruces rodeándoo; o emblema “Hoc Hic Mysterium Fidei Firmiter Profitemur”, a Marcha do Antigo Reino de Galicia ou o Arquivo do Reino de Galicia, que a Real Audiencia do Reino creou en 1775.  Sete eran as capitais de provincia do Antigo Reino de Galicia: Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui; reducíndose a catro coa reforma do século XIX. O 30 de novembro de 1833 o Estado español dividíase en rexións e provincias, quedando Galicia con catro que recibían o nome das súas capitais: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; supoñendo esta nova reforma administrativa o fin do Antigo Reino de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha devoción de 1669 aínda presente