A Rúa da Cruz recupera a tradición dos Cantos de Taberna

LUGO

Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13 cantarán nos locais de hostalería

28 ene 2019 . Actualizado a las 10:49 h.

A Rúa da Cruz recupera a tradición dos Cantos de Taberna cunha cita festeira o sábado 9 de febreiro, a partir das 20.00 horas. A hostalería local uniu esforzos para que o casco histórico reviva un costume moi estendido ata finais dos anos setenta, segundo explican desde a asociación Lugo Monumental, que tamén forma parte da organización do evento, xunto ao Concello. A alcaldesa, Lara Méndez, e representantes de distintos hostaleiros da Rúa da Cruz, convidaron á veciñanza a participar nos Cantos de Taberna.

A convocatoria musical contará coa participación de catro agrupacións de música popular galega para animar o ambiente nos distintos establecementos: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13. Os locais participantes, con barra e espazo adecuado para estes Cantos, son Bulló Xantar, Millenivm, Karrusel, As Cinco Vigas, O Castor Taberna, People e A Tasca.

Méndez felicitou ao colectivo e aos hostaleiros por unir esforzos e promover esta iniciativa, que «axuda a fomentar a vida na rúa, a socializar e a recuperar a nosa cultura con temas populares».