A escola infantil comeza a funcionar mañá de 07.30 a 18.00 horas e acolle a nenos dende os tres meses ata os tres anos
18 sep 2018 . Actualizado a las 15:04 h.A nova escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul comezará a funcionar mañá. O centro oferta 82 prazas, das cales unha sempre está reservada para emerxencias sociais, e conta con tres mestras, nove educadores e dúas persoas de Servizos Xerais. Agora mesmo, explican dende o centro, están cubertas 12 prazas para nenos dende os tres meses ata o ano; 25 para os que van de un a dous anos, e 16 para os rapaces que van dos dous aos tres. Así mesmo, dende A Galiña Azul comunican que 38 cativos están en lista de agarda. Mañá comeza o chamado «proceso de familiarización» no que se coñecerán familias e educadores. Hoxe celébrase unha xornada de portas abertas dende as dez da mañá ata as doce e media e de 16.00 a 18.00 horas.
O proxecto educativo
A forma de educar que teñen en A Galiña Azul enmárcase dentro dun «proxecto educativo e compartido coas familias, non de gardaría», explica a coordinadora do centro, María Xosé González, que tamén di que os pequenos levarán a cabo xogos autónomos, atenderase á diversidade, apostarase pola liberdade de movementos e coidarase a saúde física, psíquica, emocional e social dos cativos. Para iso levaranse a cabo xuntanzas periódicas e comisións educativas na sala de profesores reservada para os casos.
Aínda que as aulas se dividen por idades, dende a dirección do centro, a cargo de Pilar Varela, explican que os nenos «non sempre estarán separados» pero si contan con materiais diferentes adaptados á idade de cada un. O servizo de comedor está nas aulas e o centro abre dende as sete e media da mañá ata as seis da tarde, aínda que os pequenos poden permanecer nas instalacións un máximo de oito horas elixindo xornada completa ou media.
Na sala de descanso tamén hai berces baixos para que sexan os máis pequenos os que «accedan cando queiran», explica a coordinadora.
Sofás de lactación
Nas instalacións de A Galiña Azul tamén hai sofás para as nais que decidan darlles a comida aos nenos nalgún momento do día. Os baños tamén están «á altura» dos nenos, que teñen lavabos nas salas aos que poden acceder cando así o desexen.
No exterior, un areeiro, un horto e un patio cuberto e mais outro descuberto rodean as instalacións, co fin de que os pequenos «saian o máximo posible ao exterior», explican os profesionais. Tamén hai balanceiros, mesas e xoguetes de madeira, «todos elementos naturais para evitar o plástico», explican.
O 1 de outubro comeza o servizo de comedor e, mentres, os tápers son a única opción viable. Os menús, explican dende o centro, están adaptados a tódalas idades e son específicos para os nenos, ademais de publicarse cada semana nun taboleiro.
Nais, pais ou acompañantes dos nenos poden acudir ao centro para facilitar o proceso de adaptación dos máis pequenos, especialmente dos bebés.