Haberá paseos polo Lugo romano, un encontro de banda deseñada, obradoiros, cine de danza, entre outros actos
24 feb 2018 . Actualizado a las 20:40 h.Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado co Arde Lvcvs, e como antesala a esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional, o Concello e as asociacións de recreación histórica do municipio teñen preparadas medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, o Arde Lvcvs Cvltvral, que presentou este venres, no Patio do Vello Cárcere, a concelleira de Cultura, Carmen Basadre. No acto tamén estiveron presentes representantes das asociacións Mercenarios Galaicos, Caetra Lucensium, Guardia Pretoriana, Senatus Lucus Augusti e Salesiani Luci Augusti.
Carmen Basadre puxo en valor este traballo previo como parte importante tanto para preparar o ambiente para o Arde Lucus, que se celebrará o 15, 16 e 17 de xuño, como para a difusión e o coñecemento do pobo romano e castrexo. Esta programación lúdico cultural arrincará o 10 de marzo con danza romana e rematará o 13 de xuño cunha conferencia do foro romano, pasando por obradoiros artesanais, andainas e cine, entre outros.
Entre as novidades desta edición destacan os paseos por Lugo con Paulo Fabio Máximo, que acompañado polo seus lictores descubrirá a historia de Lugo. Serán os segundos sábados de mes de marzo, abril, maio e xuño. A saída é, en todos os casos, ás 11:30 horas, dende o Miliario da Praza Armañá.
Do mesmo xeito, para esta edición está programado o primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia, con Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manuel Cráneo. Este encontro contempla tres charlas e dous obradoiros, que terán lugar no MIHL no mes de abril.
O Balneario de Lugo converterase en escenario sobre as intrigas políticas romanas. Será o 5 de maio, a partir das 12:00 horas.