Sentíndome concernido polo que se dicía en «El Adarve» en relación coa Tinería, tratarei coa miña opinión de suavizar o lamento de que «no haya más aportaciones e interés y que algunos colectivos profesionales, vecinales y culturales permanezcan sin abrir la boca para dar ideas y mover a los políticos».
Aínda que non me sinto aludido no referente a dar ideas, xa que en varias ocasións tratei sobre esta e outras cuestións relacionadas co patrimonio e o turismo nestas páxinas, tratarei, polo menos, de dar a cara, pois ese «silencio» do que se fala é un silencio medorento e interesado, porque dicir as verdades pode incomodar ao poder e incluso recibir represalias; por iso a maioría cala sen se decatar de que con seu silencio dá por ben feito o que está mal.
Agora ben, se todos calamos, o que cala outorga, mal servizo nos prestamos a nós mesmos, á comunidade na que vivimos e aos propios partidos políticos, que sendo como son gregarios, poden pensar que o están facendo moi ben e que a xente está encantada coa súa xestión.
Cómpre facer antes unha precisión desde o punto de vista histórico. O que se está chamando A Tinería entendo que se refire a todo o conxunto urbano dunha parte do burgo vello medieval en proceso de rehabilitación. Este núcleo en realidade son varios barrios e rúas, onde están a rúa da Tinería, a rúa do Miño, a travesía do Miño, o Recanto ou Rinconada do Miño, a rúa do Moucho e o Pombal, incluído todo no que historicamente chamaban Barrio da Porta Miñá e Barrio Falcón.
No tocante a aportar ideas nunca están de máis, pero a pólvora hai moito tempo que está inventada e non sería rendible perder o tempo na súa procura. O goberno bipartito (2005-2009) elaborou un plan no que participaban varias consellerías coordenadas, moi pensado, incluso con convocatoria de concurso de ideas, escavacións arqueolóxicas e edificios destinados a usos sociais e culturais.
Así, o Pazo de dona Urraca estaba destinado ao centro de documentación, estudos, formación de servizos sociais a nivel de Galicia, con biblioteca, documentación e persoal especializado a nivel de Servizos Sociais para dar cobertura nesta materia aos profesionais e institucións públicas. O proxecto técnico estaba feito pola dirección xeral de Servizos Sociais.
No número 15 da Rúa da Tinería, iría un centro para persoas sen teito con talleres e proxectos de inserción. Nos novos edificios a construír fronte ao Pazo de Dona Urraca, estaba prevista unha gardería e un centro de día. A colaboración era que a Consellería de Vivenda aportaba os edificios e a de Benestar Social os poñía en funcionamento. No hospital medieval de San Miguel, propiedade do Xacobeo, instalaríase o Centro de Estudos do Camiño Primitivo.
As vivendas estaban pensadas para conceder a persoas menores de 35 anos con opción de alugue en compra ou a maiores con aluguer, coa finalidade de poboar o barrio. Ademais dos locais para artesáns, ía unha oficina de turismo e un centro de interpretación. Incluso se elaborou un estudio e proposta de carta de cores para os edificios para cubrir as eivas do Pepri nesta materia.
A pretensión do bipartito era recuperar un patrimonio arquitectónico, darlle contido aos espazos mediante a instalación de determinados servizos públicos, e reverter a marxinalidade para converter a zona nun dos lugares máis atractivos da cidade tanto para goce dos lucenses como dos turistas. Estas iniciativas públicas animaron a outras privadas en razón das expectativas creadas, que, desgrazadamente para os promotores, non se cumpriron causándolles importantes prexuízos. Particulares recuperaron dous pazos, un para hotel monumento e outro para un museo, e algún local de hostalería.
Pero o 1 de marzo de 2009 os electores cambiaron os cornos polo rabo, e o primeiro que fixo o goberno do PP foi cancelar todo o que deseñara o bipartito, e dicir, o BNG, agás o que xa estaba feito, que eran a Oficina de Turismo da Xunta, o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo e a recuperación da Fonte da Porta Miñá, tres exemplos notables do que se pretendía facer.
Por tanto, o responsable principal desta situación é a falta de iniciativas do PP, incapaz de desenvolver as que había ou, se as consideraba pecado mortal, substituílas por outras. Nestes oito anos de inacción e de inversións irrisorias, o zona en lugar de renacer volveu degradarse no aspecto visual e social, con edificios propiedade da Xunta sen rehabilitar, pintadas nos rehabilitados; pisos que foron ocupados, baleiros por fuxir deles os alugadores, estragos e aumento da prostitución, presente en toda a zoa. Cando un turista vai pedir información á oficina da Xunta, a primeira imaxe que recibe da cidade como carta de presentación é a dun vertedoiro de lixo permanente e prostitutas fronte a esta oficina ofrecendo os seus servizos.
Esta degradación ocasionou prexuízos económicos para moitos dos que apostaron por poñer un negocio na zona, hoxe só concorrida preferentemente os días de mercado por clientes en busca de sexo, e as fins de semana, pola mocidade a partir de altas horas da noite pola existencia de varios pubs; por falta de control nos horarios de peche, algún está aberto hasta as dez da maña; consumo de bebidas na rúa, trapicheo e berros continuos non só molestan á veciñanza, senón que se converte a zona nunha esterqueira e nun gran urinario, descontrol que é aproveitado tamén para facer pintadas en fachadas e portas de edificios recén rehabilitados, romper cristais lanzando cascos de cervexa, derrubar portas e estragar a sinalética de monumentos ou atentar contra deles, como ocorreu coa fonte de San Vicente.
E para rematar a operación, agora a Xunta pon á venda locais pertencentes ao patrimonio público para facer caixa, propiciar algún negocio particular e desfacerse dunha parte do problema. De maneira que, como conclusión, a proposta é recuperar todo o que estaba proxectado para a zona, aínda que sexa por fases, e cumprimento do Concello do seu cometido no tocante a policía urbana no seu amplo sentido, así como a modificación de determinadas ordenanzas.
Con independencia de quen vaia ser o destinatario final dos locais, para que a súa utilización teña éxito, teñen que ser destinados para negocios que funcionen con independencia do seu lugar de ocupación, pois os que dependan de que o usuario se teña que desprazar ata eles están condenados ao fracaso, como xa o experimentaron algúns emprendedores. Crear na zona un design district pode ser unha idea aceptable e de éxito se se complementa con outras actividades e o inicio da recuperación do lugar, sempre que a Xunta e o Concello cumpran cada un co seu cometido, do que pasaron moito nestes anos. Para retomar as iniciativas, non estaría de máis contar coa implicación de entidades e colectivos afectados, como Cáritas, Cruz Vermella, comerciantes e hostaleiros da zona. Se dan exemplo, os particulares tamén responderán.
O bipartito elaborou un plan con varias consellerías coordenadas,
moi pensado
Crear un ‘design district’ pode ser
unha idea aceptable se se complementa con actividades