Aprobada a construción da granxa experimental do Campus Terra

LUGO

O Consello de Goberno da USC deu luz verde ao convenio coa Deputación de Lugo

15 nov 2017 . Actualizado a las 14:11 h.

O Consello de Goberno da USC aprobou o convenio coa Deputación de Lugo que permitirá construír a granxa experimental do Campus Terra nos terreos dos que dispón o organismo provincial no municipio de Castro de Rei. Esta nova infraestrutura, apta para usos docentes de I+D+i universitarios, conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, contía achegada integramente pola Deputación. Estará operativa previsiblemente no 2018.

A futura granxa experimental do Campus Terra, segundo informou a USC, constará dunha nave principal, que acollerá o gando vacún para a produción de leite e recría da Granxa Gayoso Castro; un edificio de prácticas cunha aula e un laboratorio; unha nave de maquinaria; silos de forraxe, e unha fosa de xurro. A granxa está rodeada por distintas parcelas cunha superficie de arredor de trinta hectáreas.

A nova instalación, que se agarda que estea operativa e entre en funcionamento o ano que vén, pretende ser un referente en canto á súa xestión e á formación de profesionais en condicións reais. A granxa experimental servirá tamén como laboratorio para probar novas técnicas e tecnoloxías e a transferencia de resultados ao sector agro-gandeiro, en xeral, e aos produtores da contorna, en particular.

A granxa cubrirá unha parte importante das prácticas da facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus lucense. Daquela, alumnos e docentes poderán realizar nestas instalación prácticas de diferentes materias das titulacións de Veterinaria, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Máster en Enxeñaría Agronómica e Máster en Produción de Leite. As novas instalacións permitirán abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico, en aspectos importantes como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria entre outras.

A nova granxa experimental presenta tamén múltiples oportunidades no eido da investigación, en especial as relativas á gandaría de precisión («smart farming») e a sistemas de produción baixos en insumos como é o pastoreo. A granxa permitirá probar novas técnicas, tecnoloxías e diferentes materiais en condicións controladas e reverter os resultados dos ensaios ao sector produtivo, aproveitándose dos coñecementos e da experiencia acumulada. Entre as posibles actividades investigadoras a desenvolver estarán as relacionadas con sistemas de manexo e recría do gando, sistemas e equipos de muxidura, agricultura e gandería intelixente, sistemas de rega, alimentación e reprodución animal, manexo de pastos e forraxes, mecanización agraria… A posterior transferencia de coñecemento realizaríase mediante a programación dunha serie de actividades orientadas a formar e informar ao sector produtivo.