Albor, 100

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

LUGO

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por (case) nada do mundo trocaría o rumbo desta columna de xoves. Agás hoxe. Porque a ocasión ben o merece. En realidade é el quen o merece, don Xerardo Fernández Albor, que cumpre cen anos. Coñecín a Albor nun programa da TVG. Falei sosegadamente con el. Escoiteino con atención e admiración crecentes, quero dicir que cada minuto que pasaba o personaxe producía en min maiores afectos. Esa é a primeira sensación que un experimenta cando coñece a Albor: é imposible non querelo. Perspicaz, de ánimo sereno, culto e capaz de trenzar ao seu redor unha aura de cima intelectual. Un sabio en senso estrito. Un humanista, fundamentalmente. E digo humanista no significado máis lato da palabra: preocupado polo ser humano, as súas luces e sombras, o seu fulgor e avernos. Por Albor póñome hoxe de festa, para celebrar con el e con Galicia enteira que cumprir cen anos é unha boa noticia. Para todos. Porque os anos son memoria e nos de Albor vai escrita a nosa, a deste país que sabe moito de abismos, pero tamén de esperanzas e apertas. País, Galicia, capaz de vislumbrar mil naufraxios e, porén, coa proa disposta para conquistar océanos de futuro. Albor é Galicia. Bo e xeneroso. Un paradigma de home excelente, que é máis excelente aínda cando un ten a fortuna de coñecelo. O pasado domingo, nun traballo periodístico de altura, Domingos Sampedro tiraba dos fíos de Albor para perfilalo con pericia singular. Deunos un debuxo exacto do home e do político, tamén do intelectual, aviador, europeísta, ávido lector. Pintou con cores de mar, galegos, a súa alma bondadosa. Eu quédome con esa lección que La Voz entregou hai catro días: a bondade de Albor no friso dos 100 anos. Felicidades, presidente.