«A xente da miña idade marcha porque aquí non hai futuro»

Rodríguez di que a xuventude ten que organizarse para cambiar o actual estado de cousas


lugo / la voz

«As políticas do PSOE e do PP non dan resposta ás necesidades da mocidade»

Houbo un tempo, alá polos anos da agora denostada Transición, no que militar nas xuventudes do Partido Comunista confería aos mozos un innegable prestixio entre os estudantes universitarios e de instituto. As cousas cambiaron moito, pero a militancia comunista, hoxe moito máis escasa que entón, sigue tomando con igual rigor as súas responsabilidades para coa organización e a transformación da sociedade. Begoña Rodríguez Cacharrón (Lugo, 1989) está a punto de dar o paso desde as xuventudes, das que foi en Galicia secretaria de política nacional, ao Partido Comunista. Di que, aquí, na provincia, non hai futuro para a xuventude e ela está disposta a loitar para cambiar ese estado de cousas.

-Por que militar a estas alturas nunha organización como a súa?

-Para min é algo fundamental. A xuventude, traballadora ou estudante, ten que organizarse, porque hai moitísimas cousas que cambiar na sociedade.

-Cales son os seus referentes políticos?

-Xa sei que pode soar a tópico, pero a min gústame botar a vista atrás e tomar como referentes aos clásicos do comunismo, eses nos que pensamos todos, pero tamén a Ángela Davis e a outras mulleres que creo que hai que ter moi presentes. E tamén Marcelino Camacho.

-¿Traballa?

-Teño traballos temporais. Agora mesmo é o que hai: traballo temporal.

-¿Como ve desde a súa óptica política a situación da provincia?

-Para a mocidade, moi difícil. En moitos casos a única saída é a emigración. E cando os mozos atopan traballo é nunha situación de precariedade brutal. A xente da miña idade está marchando, porque aquí non hai futuro.

-Pero agora goberna na provincia e na capital o Partido Socialista...

-As políticas do PSOE e do PP son basicamente iguais e non dan resposta ás necesidades da mocidade, nin de emprego, nin de vivenda. Por iso a capital e o resto da provincia están quedando sen mocidade.

-¿Que opinión ten do traballo do concelleiro de ACE-EU na capital?

-Fai un traballo moi bo, por exemplo en materias como a corrupción, igual que nos asuntos relacionados coa transparencia na institución. Eu recomendaría que transversalizara tamén o discurso da xuventude comunista. Ás veces hai que facer máis fincapé nesto.

-Preguntei a todos os representantes de xuventudes de partidos políticos en Lugo se teñen independencia con respecto á organización principal. ¿Como é no seu caso?

-Temos independencia organizativa. Tomamos as nosas propias decisións, pero sempre temos como referencia ao partido; a súa experiencia é moi necesaria para nós.

-Comparten espazo no local do partido...

-Si. Ás veces si que se bota en falta ter algo máis de sitio, pero estamos contentos de compartir o local cos compañeiros.

-A punto de pasar ao partido, ¿que aspiracións políticas ten?

-Eu quero ter un papel moi activo no partido, pero non tanto no terreo institucional, que non é o que máis me gusta; o que me gusta é estar a pé de rúa, e nos eidos sindical e feminista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«A xente da miña idade marcha porque aquí non hai futuro»