Ano 2017

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

 O calendario é un convencionalismo que os humanos establecemos en base á experiencia de vivir. 

Comezamos un ano novo e non sabemos se depositar moitas esperanzas, tendendo a cualificar de nefasto ao que ven de rematar.

Cando comezou este século, coidamos entrar nunha nova erOa de liberdade, xustiza e progreso. Pero o novo século non respondeu a ningunha das expectativas.

As institucións que velan pola paz mundial evidenciaron a súa inutilidade, continuando e nacendo traxedias por todo o planeta; as institucións políticas demostraron fraxilidades diante do terrorismo, das revoltas, da atención ás necesidades dos pobos… e un pantasma percorreu o primeiro mundo a xeito de crise que nos empobreceu a case todos da noite para a mañá.

Vimos agora de rematar un ano que como mínimo foi máis do mesmo, onde xa non se fala de brotes verdes, senón que os gobernos proclaman recuperacións e melloras que a xente de a pé non vemos por ningunha parte.

Cada ano que remata parece abrir unha porta á esperanza. O 2016 pechámolo respirando fondo, considerando que deixou moito que desexar e que o novo pode e debe ser moito mellor. Pero, xa se sabe, cada ano é un convencionalismo e a súa bondade ou ruindade depende moito máis do que nós fagamos ou nos fagan ca do que o azar poida proporcionarnos, ou sexa que xa podemos poñernos as pilas e afrontar con estoicismo este ano 2017, no que todos teremos que empregarnos a fondo.