Poesía para as horas libres

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios OUTEIRO DE REI / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

O edificio onde naceu o poeta só pode visitarse nas fins de semana

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

EN DIRECTO NA CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA

Hai dúas semanas, o centro de Outeiro de Rei era un fervedoiro de xente. A inauguración da Casa Museo Manuel María, promovida pola fundación que leva o nome do poeta e instalada na vivenda onde naceu, xuntou dende a mañá a centos de persoas, pero a xornada de portas abertas durou ata a noite. Onte, dúas semanas despois, na vila respirábase tranquilidade, e na Casa de Hortas, nome co que é coñecida a vivenda, tamén.

Coñecer a casa, que supón percorrer de preto trazos da vida e da obra de Manuel María (1929-2004), pode ser unha boa alternativa para desconectar do traballo e esquecer preocupacións cotiáns. Pero ese desexo de coñecemento só pode cumprirse nas fins de semana, pois o edificio abre os sábados -de once da mañá a dúas da tarde e de catro e media a oito e media- e os domingos -no horario de mañá-. Pola semana, nunha opción na que polo recente comezo do curso aínda non se acadou o desenvolvemento que se espera, pode ser visitada, con cita previa, por centros de ensino.

O que chega á casa non pode queixarse da amabilidade do trato, que mesmo leva ao guía a pedir escusas por devolver só en moedas o cambio dun billete de dez euros co que se paga a entrada. O percorrido comeza no espazo da antiga palleira, onde se conservan restos dun antigo forno, e sobe logo ao primeiro andar, con espazos dedicados a etapas e actividades da vida de Manuel María.