«O disco 'Cantos de Nadal' é moi agarimoso musicalmente»

lugo / la voz

LUGO

PRADERO

A gaiteira Susana Seivane, cuxas orixes familiares están na Ribeira de Piquín, é unha das artistas que participa desinteresadamente no disco solidario Cantos de Nadal, producido polo músico e xerente de Sons de Galiza, Eloi Caldeiro, en colaboración con La Voz e a Deputación. Coa venda -por 4,95 euros nos quioscos ata o día 26 mercando o xornal- adquiriranse xoguetes educativos para nenos de familias en apuros.

-¿Que lle parece a idea?

-É unha oportunidade moi boa para que os nenos das familias máis necesitadas teñan tamén o seu regalo.

-¿En cantos temas intervén?

-Colaboro no primeiro xunto con Rosa Cedrón, Anxo Lorenzo e Eloi Caldeiro. A experiencia foi moi boa e divertida. O disco ofreceranos sorrisos de moitos nenos, a cousa máis linda do mundo. Musicalmente é moi agarimoso.

-¿Que lle di á xente para animala a comprar o disco?

-Todos estamos atravesando malos momentos, pero moitas familias están nunha situación tráxica. Pouco hai que dicir para animar á xente sabendo que van facer felices aos nenos destas familias.

-¿Para cando novo traballo?

-Estou traballando nun disco de nanas, con música de gaita moi bonita e relaxante. Case todas son composicións miñas e hai algunha do meu baixista Iago Rodríguez. Contando que en marzo serei mamá, vén moito ao caso este traballo. Tamén imos sacar un DVD do gran concerto que fixemos na Praza María Pita este verán con Santiago Romaní, Anxo Pintos ou Xoel López.