A venda do cedé dedicarase a comprar xoguetes para nenos sen recursos
18 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Eloi Caldeiro é o autor do disco Cantos de Nadal, que está á venda nos quioscos xunto co exemplar diario de La Voz de Galicia. A recaudación íntegra adicarase a xoguetes para nenos de familias en dificultades económicas, dentro dun proxecto solidario de Sons Galiza, Deputación de Lugo e La Voz.
-¿Como definiría vostede a iniciativa Cantos de Nadal?
-Como un proxecto que ten unha tripla vertente; a máis importante sen dúbida é a solidaria, pero non debemos esquecer as outras dúas, a formativa e a cultural, que tamén son de grande importancia e complementan á primeira.
-¿Cales son esas outras dúas vertentes?
-A formativa, que tivo como suxeitos a alumnos da Escola de Imaxe e Son, e a cultural, que posibilita a incorporación de novas cancións ao noso acerbo cultural.
-¿Como xurde a idea de levar a cabo esta acción?
-Hai xa anos matinei na posibilidade de facer algo así, mais sempre houbo algunha circunstancia que no último momento impediu levar a cabo este labor. Polo meu traballo nos servizos sociais, coñezo de primeira man as dificultades que están a pasar moitas das familias da nosa provincia, castigadas pola crise económica e o paro. Familias que teñen que dedicar todos os recursos, no mellor dos casos, a cubrir as necesidades básicas da unidade familiar e non queda ningún para outros mesteres, polo que coidei que este ano non podía deixar pasar a ocasión de aportar, por moi pequeno que fose, que o é, o meu gran de area e puxémonos a traballar para sacar adiante esta iniciativa.
-¿Cal foi o proceso para poder realizar, esta vez si, o proxecto?
-En primeiro lugar debo dicir que o proxecto está incardinado dentro da colaboración que dende o ano 2011 vimos mantendo coa Fundación TIC e a Escola de Imaxe e Son da Deputación Provincial, para o apoio na realización de prácticas dos alumnos nos nosos estudos. Postos en contacto cos responsables da Fundación TIC e a Presidencia da Deputación Provincial acordamos incluír esta iniciativa no ámbito desta colaboración. Ao desenvolvemento deste e outros proxectos asistiron durante dúas semanas os alumnos da Escola de Imaxe e Son, aos cales se lles impartiron coñecementos sobre a gravación e mesturas no proceso de rexistros musicais. Tamén cos responsables de La Voz de Galicia para que se involucraran no proxecto, xa que esta é a outra pata, indispensable, para levar a bo fin o proxecto.
-¿Que pode dicir das colaboracións que aparecen no disco?
-Dende o principio tiña claro que quería contar con músicos do folk e que tiveran vinculación coa provincia ou co proxecto, ao que había que sumar o de poder gravar nunhas datas moi concretas, xa que contabamos con moi pouco tempo para a realización do disco. Cando nos puxemos en contacto con eles, tanto Susana Seivane como Rosa Cedrón -Susana con raíces en Ribeira de Piquín e Rosa en Lugo e Monforte-, prestáronse a colaborar dende o primeiro momento, así como Anxo Lorenzo quen, aínda que a súa patria está en Moaña, sumouse á iniciativa nada máis comentarllo. É un orgullo ter contado con eles, porque á súa contrastada categoría como intérpretes e creadores hai que engadir a súa contribución a esta iniciativa solidaria. Ademais quero amosarlles o meu recoñecemento persoal como artistas e persoas. Tamén teño que dicir que Clara Pino, unha das grandes voces galegas e arpista de Loaira, estaba invitada, pero unha persistente afonía deu ao traste coa súa participación.
-¿Cantos nenos recibirán agasallos?
-É difícil de saber, pero de seguro que moitos menos dos que eu quixera, xa que son 67 os concellos na provincia e moitos os nenos que escriben cartas. Porén, esta é a primeira experiencia e se fora posible gustaríame continuala o próximo Nadal con máis artistas.
ELoi Caldeiro autor do disco ?Cantos de nadal ? para a campaña de xoguetes solidarios