O alcalde, Severino, foi adversario meu, pero nunca inimigo

Benigno lázare LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O exedil nacionalista de Monforte séntese traizoado por algúns, aos que nin perdoa nin esquece

19 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Lois Sotelo nunca se caracterizou por ter pelos na lingua. Na carreira diplomática non houbera tido moito futuro, e na política nunca foi na procesión dos caladiños. Enfrontouse a bastantes nacionalistas da zona sur, entre eles ao alcalde de Monforte, pero na maioría dos casos entendeuno como parte la loita política. Sen embargo, hai catro que noutro tempo foron compañeiros e amigos, aos que agora a palabra «traidores» non é a máis dura que lles dedica.

A súa primeira militancia foi no Sindicato Obreiro Galego, cando traballaba nunha fábrica de calzado. Entrou no 1976 da man de Antón Arias Curto, de Xosé Manuel Pavón e de Xurxo Fernández. No 80 ingresou na AN-PG, pero ata sete anos máis tarde non encabezou a candidatura dos nacionalistas ao Concello de Monforte. «Ese ano o Manuel María non quixo seguir porque se cabreara moito pola candidatura independente do Foucellas, e fun eu. Tras o golpe de estado o Pavón fuxira para Ferrol, o Xaneco tamén andaba por aló..., estaban todos escapados e aquí quedaramos catro e ninguén quería ser candidato».

Permaneceu como concelleiro tres mandatos, ata comezos do 2000, cando se repetiron as eleccións en varias mesas. «A primeira vez que me presentei encabezando a lista fíxeno porque non había candidatos; a segunda xa case había algún; no 85 xa tiven contrincantes, e na seguinte xa houbo candidatura encabezada por Severino e apoiada por Xaneco».

Daquela recibiu as maiores presións para que aceptara ir de segundo na lista, pero negouse. «Si lles servira nas ocasións anteriores, tamén tiña que repetir, porque fora elixido no comité comarcal». Ninguén puxera en cuestión o seu traballo no Concello, segundo di. O problema era que o Churreiro non daba a imaxe para algúns, «que ademais eran da UPG, e aparteime e mandeinos á merda».

Foi un duro proceso do que non curaron as feridas, e no que incluso se enfrontaron os que inicialmente ían xuntos. Xosé Lois asegura que aos que o venderon nin lles perdoa nin esquece. «Teño moi claro quen foron e teñen nome e apelidos: o Pavón, o Xosé Manuel de Escairón, Milucho de Lugo e Cosme Eladio Pombo».

Tamén houbo xente que nunca lle deu as costas, pero sobre todo tivo o apoio de Lois Eiré de Chantada, que anos máis tarde animouno a ingresar no Encontro Irmandiño, no que milita. Tamén lle consta que daquela tivo o apoio de Beiras.

Co resto das persoas coas que se enfrontou di que foi unha loita política, incluído o mandatario municipal. «O alcalde, Severino, foi adversario meu, pero nunca o considerei un inimigo». A propósito, Xosé Lois está convencido de que o rexedor non se foi do Bloque para non perder o apoio da Deputación, pero farao ao remate do mandato.

Xosé Lois Sotelo Goiás

53 anos

Comerciante e político en Monforte

A súa finca do Casar, con horta e galiñas