O teatro será o prato forte do mes no auditorio lucense

lugo / La voz

LUGO

O Gustavo Freire acollerá as representacións de Citizen, de Chévere, e Memorias dun neno labrego, con Cándido Pazó

05 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Tras o remate na xornada de hoxe da novena Semana da Maxia, coa celebración da gran gala internacional, o auditorio municipal Gustavo Freire acollerá no que resta de mes actividades de teatro, danza e música. Ademais, as instalacións municipais tamén serán utilizadas para actividades benéficas por parte de entidades asociativas lucenses, como a que protagonizará o vindeiro venres a Protectora de animais de Lugo.

O teatro será o grande protagonista das actividades do mes, con representacións para o público infantil, destacando a obra Zapatos, a cargo da compañía Caramuxo; coa celebración da Mostra de teatro especial que promove Anade e con dúas grandes funcións: Citizen, da compañía Chévere, que foi valorada pola prensa especializada como un dos mellores espectáculos do ano e acadou un total de cinco premios María Casares; e Memorias dun neno labrego, un clásico da literatura galega, a cargo de Cándido Pazó.

No apartado da danza, ademais dos espectáculos que ofrecerá a compañía do campus lucense, tamén presentará traballo en Lugo Proxecto Danza, con Latexo.

En canto á música, ademais do festival a prol da Protectora, cabe destacar o concerto que, no marco do ciclo Lubicán, ofrecerá o grupo Lobalú, presentando o seu disco Haikus.

De presentar a programación cultural encargouse onte o tenente-alcalde do concello de Lugo e edil de Cultura, Antón Bao, que destacou que «serán un total de 17 días con actividade accesible e dirixida a todos os públicos».