O pastor Miño e o seu rabaño

LUGO

Foi probablemente nun libro de Narciso Peinado sobre a riqueza histórica e artística da provincia de Lugo onde o arrriba asinante atopou por primeira vez a definición do Miño como pastor de ríos. Anos despois, a un profesor escoitoulle dicir que unha das cousas que lle gustaba do río, un feito do que falaba como se o descubrise había pouco tempo, era o rápido cambio que amosaba: ao pasar por Xustás, por exemplo, xa non tiña moito que ver co aspecto que ofrecía pola Pastoriza adiante.

Semella, pois, que ao Miño lle corresponde, aínda que dito de maneira simbólica, un papel destacado a este lado do Cebreiro. O Miño vale para darlle nome a unha confederación hidrográfica, a unha reserva da biosfera e a negocios que non teñen por que estar vencellados coa auga. Pero a responsabilidade do Miño vai máis alá, porque ten que aturar as responsabilidades dos que deberan coidalo: ler que da depuradora de Lugo sae auga que non vale para verter ao río é unha noticia que dende logo paga a pena coñecer, porque se unhas instalacións do século XXI non garanten unha mínima limpeza, haberá que pensar en depurar comportamentos e responsabilidades.

Tiña razón, dende logo, o profesor que dicía que o Miño axiña cambiaba de aspecto e se facía un río grande pouco despois de ser mozo. O que non se entende é que o río se volva diferente ao pasar por una cidade de máis de 90.000 habitantes na que as instalacións que deben limpar as augas residuais non funcionan como deberan.

O Miño, si, é un pastor. Pero ten arredor un rabaño que non semella estar á súa altura.