O resultado do que supón tumbar o goberno dun pais non fai falta buscalo en «desiertos muy remotos ni en montañas muy alejadas», témolo aquí ao lado, en Portugal. Aínda así, o Partido Popular, moi responsablemente e cun alto sentido de país, segue coa súa de pedir eleccións anticipadas. Aínda que o Financial Times -nada sospeitosos de ter predilección por España- o pasado martes recoñecese o extraordinario valor das necesarias e impopulares medidas tomadas polo goberno central para salvar a economía española. O mesmo que dixo a revista Time, ou o FMI, ou a OCDE e xusto o contrario do que pregoa a «TDT party».
No momento que estamos a vivir caben dúas posibilidades: pasividade ou acción. Aquí, os populares optaron pola segunda opción, que, en aparencia, ten menos desgaste político: se non fas nada? ¿de que te van acusar? Kissinguer xa falaba disto, pero sinalaba que se fixese unha soa cousa ao ano, unha, polo menos unha. Alguén debeu ler mal a cita e aí andan os populares galegos: á espera e disparando contra todo o que se move.
E para unha que fixeron, que só tiñan que rematalo, rematárono tarde, mal e arrastras. Fálolles do HLA, que, xa aclaro, non é unha desas cousas raras que aparecen na analítica, é o nome do novo hospital de Lugo. Non ten U porque non é universitario. Tampouco ten radioterapia -non pediron a autorización previa- e o Servizo de Oncoloxía xa pechou por reformas -esquecéuselles poñer a ventilación-. Iso si, o traslado foi un éxito, non perderon ningún enfermo e o aparcadoiro quedou moi mono, de pago, claro.