O río

Carlos Ferreiro

LUGO

16 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Isto do río é como o da maleta de madeira do avó, que sempre estivo aí e nunca a botamos de menos por tela esquecida, pero sempre estivo aí, iso si, gardada no rocho. Ata que un bo día a ves igualiña no escaparate dalgún anticuario de Sarria cunha labazada escrita no prezo. Unha desas labazadas que soan a hostia e que fan que volvas á casa, revolvas como un poseso no rocho e a encontres acomodada no seu sitio, dende anos esperando por ti, porque sempre estivo aí.

Así é o río. Que a calquera lucense lle falas do río e «que como sempre estivo aí... pois claro, coma se tal cousa». Pero a ninguén se lle escapa que ocupa o lugar privilexiado dunha foto fixa na memoria de todos, porque o río pasa e ao pasar vai escribindo as follas da historia desta cidade e con ela a de todos. Unha corrente de auga que pasa e non se para, nunca, e espéranos, sempre, e sepáranos, cada vez menos.

Que o Miño non é o Moldava, nin Lugo a cidade das pontes non é novidade, pero aí está orgullosa a nova ponte, con todo o suxerinte simbolismo que levan consigo as pontes, tamén o político.

En abril do 2009 tomaron posesión Núñez Feijoo, como presidente da Xunta, e José Blanco, como Ministro de Fomento. Entre outras moitas cousas, os dous encontráronse con dous proxectos feitos: unha ponte e un auditorio. A ponte está case rematada e nos terreos do futuro auditorio crecen unhas marabillosas silveiras. Agora toca a parte das desculpas e as escusas, para quen as necesite. E se, e se? e se a miña avoa tivese rodas sería unha camioneta. Por certo, un bico para a miña avoa.