Se e te gusta ou non xa dá igual é Nadal, o que por extensión vale para todos os festivos. Recordos, reencontros, reconciliacións, regalos e ao final rebaixas; que vén a sendo algo así como o epílogo de todo isto.
O consumismo, o mesmo que nos fixo fichar a un extracomunitario vestido por Coca-cola para facernos un pouco menos monárquicos e gastarnos dúas veces a extra, sen piedade. Iso si, nestas datas non esquecerse dos pobriños neniños que non teñen juguetitos.
Na casa os peques póñense nerviosos, a rapazada ponse guapa, os maiores póñense nostálxicos e o tío Aurelio ponse, así, sen máis: «con dous xeos». Cada un ao seu e todos xuntos. Ti tamén te puxeches nervioso e tamén un día te vestiches ansioso diante do espello.
Agora tócache a morriña; pararte na metade do camiño, remexer na mochila que cargas a diario e atopar fotos en branco e negro e un barquito de papel no que navegaches para chegar ata aquí, iso si, logo de naufragar máis veces das que che previñeran. Pero... that's life amiguiños!
Topicazos, estereotipos que indefectiblemente se repiten ano tras ano. Como a avoa antes das uvas: «Ai Filliños! Cada ano vou máis cansa. Non sei se estarei aquí o que ven» Ata o ano en que acertou a avoa, claro, logo de vinte anos repetindo o mesmo.
Superado o solsticio de inverno, a noite máis curta do ano, comezamos o camiño cara á luz, cara aos días longos e as noites curtas -se tivésemos a mesma certeza cos ciclos económicos...
Á vista do que asoma pola porta quedo coa cita dun ilustre: «Ás veces na vida hai que saber loitar non só sen medo, senón tamén sen esperanza» - Sandro Pertini.
Feliz Aninovo.