Hospital da auga

Carlos Ferreiro

LUGO

Hoxe é o día. Xa chegou, por fin. Feijoo está a punto de cortar a cinta de inauguración do novo hospital. As tesoiras na súa man -a dereita, claro- a cinta na outra. Todos expectantes ¡Que nervios! A prensa amontoase para recoller a mellor instantánea. Curiosos e autoridades estiran o pescozo para non perder detalle e xusto nese momento, xusto cando a cinta cae ao chan, comeza a soar a banda sonora de? «Vacaciones en el mar»: love, exciting and new?  O presidente da Xunta pronuncia as esperadas verbas: «Queda inaugurado o maior hospital flotante do mundo».

Finalmente desvelouse o misterio. ¿Para qué tanta auga para o hospital? Houbo quen pensou, os ilusos, que o novo hospital contaría con spa, piscina olímpica e parque acuático. Un luxo, vamos. Outros, os sabichóns, especularon coas últimas técnicas de cirurxía en enormes tanques de auga con modernos equipos de inmersión. Os mal pensados, as mentes máis retorcidas -habelas hainas- rumoreaban que o da auga era outra escusa, outra máis para facer coincidir a apertura do hospital coas eleccións municipais e tratar de facer campaña co que xa estaba feito. Jaimitadas! O maior hospital flotante do mundo está en Lugo.

Lugo, que non Marbella. Por máis que algún se esforce no renxeante paralelismo. Quen nos dera! Polo clima, so polo clima. Coa proximidade das eleccións, que curioso, os salvapatrias sobrevoan con máis frecuencia da debida as páxinas da prensa. Heroes de temporada que coa desculpa da defensa do interese común, supoño que tamén o meu, máis ben parece que loitan pola inxustiza personalísima de que non lles fixeran algún amaño.