A Galiza solidaria

Xesús Mato

LUGO

Tamén existe. Máis rica e menos barulleira cá outra. Cunha presenza activa, constante e eficaz. Sen a barbaridade e o escándalo dos enormes gastos en festas que aínda estamos a vivir. Tanto no mundo rural como no urbano. Outra incongruencia, en tempo de crise. Unha boa nova: Caixa Galicia e Cáritas veñen de asinar un acordo para crear un fondo destinado a apoiar a persoas que pasan por dificultades económicas por mor da crise. A Caixa aporta 230.000 euros para a Campaña de doantes. Bo comezo!

Trátase de captar axudas dos clientes, dos seus empregados e da cidadanía. Hai xa conta aberta. De levar adiante o programa encárganse as Cáritas Diocesanas galegas e a rede das parroquiais. En menos de dous anos duplicouse o número de persoas necesitadas. Das 200.000 do 2007 pasouse ás 800.000 no 2009. A miseria/fame segue a medrar. A pobreza en Galiza afecta xa ao 21% da súa xente. En pobreza relativa atópanse unhas 584.000 persoas das que o 10% en pobreza extrema. O tipo de axudas máis solicitadas son transporte, alimentación e vivenda. Este ano, as Cáritas galegas están a mover sobre uns oito millóns de euros. Pola crise, baixan as doazóns e medran as necesidades.

O exemplo da Caixa debe ser seguido por institucións e entidades (públicas e privadas) grupos sociais, culturais...Resultan inxustas e insultantes, en plena crise, as subvencións millonarias queimadas en festas patrocinadas polo Xacobeo. Todos fomos e somos testemuñas. Nas aldeas e nas vilas e cidades. Ese diñeiro de todos, houbera evitado moita miseria. Outra nova oportunidade para mostrar a nosa sensibilidade e humanidade traducidas en solidariedade cara o irmán.