¿Óptimo?

Carlos Ferreiro

LUGO

Achégase o ocaso do verán. Onte saltando o lume novo e agora agosto xa toca á súa fin. Bos ratos -non para todos-. Instantes que se gravan na retina da memoria. Momentos que non fan máis que esvaer o carbón que as liñas dos recordos van deixando na nostalxia. E así, coa capacidade de síntese que só teñen os auténticos «xefazos»: San Froilán, Nadal, Semana Santa e... e xa está, xa está aí o verán, outra vez. Así que... neno, ponte a estudar que o curso xa remata.

Media España xogouse, xógase o tipo cabalgando sobre as coitelas de asfalto que cortan a pel de touro que é esta nosa España. Algúns non volverán. Sabémolo. Parece normal. Rutineiro, ata que nos toca. Todos temos alguén que non volveu.

Os que tampouco volveron nunca foron Antonio, Pedro e Félix. A ditadura que tivo ao presidente de honor do Partido Popular como ministro fixo que os tres bercianos tiveran que esperar setenta anos no frío anonimato dunha foxa común en Triacastela. Setenta anos para volver coas súas familias. ¿Que pode haber de malo en devolver a unha familia os seus mortos? Por iso da memoria... o PP votou en contra da Lei da Memoria Histórica.

O diccionario define óptimo como «que non pode ser mellor». Dous axentes mortos nun incendio non parece que sexa o óptimo. Millóns de metros cadrados queimados tampouco aparenta ser o óptimo. Que 170 militares da UME (Unidade Militar de Emerxencias) teñan que desprazarse a Galicia para cubrir as deficiencias da Xunta de Galicia fai pensar que os medios non eran os óptimos.

Feijoo di que o operativo foi «óptimo». ¿Isto como se interpreta? Outra mentira descarada, outro insulto á intelixencia, outro engano manifesto...