Vai de emigrantes

Xesús Mato

LUGO

D

e emigrantes galegos. Dos nosos. Dos que emigraron nos anos 50-60, ao estranxeiro. Moitos deles, de revolta, con residencia definitiva en Barcelona ou no País Vasco. A maioría, xubilados. Con fillos e netos. Andan por aquí, coa familia, no mes de agosto.

A emigración foi xeral na Galicia interior. Abondosa na montaña. Somos terra (berce) de emigrantes. En presente, xa que estamos no comezo da cuarta fuga masiva. As outras, ao final do século XIX e dos anos 20 ( Cuba e Arxentina) e dos anos 50-60 do século XX, a Venezuela e Europa. Agora máis preto de nós.

Cómpre sermos conscientes de que se emigrou (e se emigra) por necesidade. Para poder comer. Os emigrantes e o propio país. As súas divisas xunto coas dos turistas foron fonte de riqueza. Tamén axuda ás persoas que se quedaron atendendo aos pais e sostendo a casa. Grazas a iso deron estudos aos fillos. Con penalidades e traballos, a eito.

Agora regresan, pero non para quedarse. Non abondan fillos de emigrantes no campo. ¿Por que será? Non ven futuro. Veñen a descansar; visitar as familias; celebrar festas (tamén relixiosas); percorrer feiras e festas populares que quedan... e a comer o polbo. O sangue tira. Agora, sen morriña. O percorrer mundo e traballar duro foi a súa escola.

A Galicia rural esmorece. Quédanlle poucos anos de vida se o sistema actual non muda o seu xeito de actuar. Moitas promesas de asentar a poboación, e imos a peor. O malo é que coa morte do rural tamén desaparece a despensa dos valores da sinxeleza, da acollida, que fixeron felices a tantas xeracións de galegos. En Ferreiros, Pol, Becerreá e outros pobos da montaña están a facerlles homenaxes. Desde aquí unímonos a eles.