Vacacións frustrantes

LUGO

A chegada das vacacións ás veces convértense no inicio de novos problemas. Un quere que cando se deixa de traballar, as tensións e o estrés propio do traballo queden aparcados, polo menos, durante os días de lecer que se dispoñen. Pero nesta sociedade -que alguén tivo que montar tal e como está de mal-, as vacacións parece que ou son en xullo e agosto ou non serven de nada. Cantas veces dicimos: «Cando teña tempo libre, amaño a habitación», pero logo atopámonos con que é imposible facer obras porque as empresas non teñen suficiente persoal.

Tal e como está montado o «tingilado» do verán estamos a chegar a estremos nos que para resolver un asunto co banco, coa compañía de seguros ou coa administración (e así infinito) hai que armarse de paciencia e rezar para que os prazos non rematen. Así, por exemplo, se o 30 de xuño, vostede comunica ao presidente da comunidade un dano no edificio para que dea parte ao seguro, comeza unha odisea de chamadas e máis chamadas e ausencias e máis ausencias. Cando a aseguradora chama ao presidente, este está de vacacións. Cando este chama ao seguro, aquel ten aos seus peritos de vacacións. Cando por fin os peritos poden actuar e piden informes, o administrador está de vacacións. E o inquilino do piso ve pasar os dous meses de verán sen que lle arranxen o problema. ¡Xa non digamos se a este home se lle ocorre coller días libres en setembro! O caso pódese converter en dramático se está polo medio a administración, que sempre traballa cos tempos distintos ao resto do mundo, e falamos do pago dun concepto que ocasiona multa se se fai fóra de prazo.

Marx errou cando falaba da alienación do traballo. O que estamos é alienados coas vacacións dos demais.