O concello zamorano de Castroverde de Campos terá un expositor na feira que se celebrará o día 22 en Castroverde
06 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A quinta edición da feira artesanal e gastronómica que se vai celebrar o vindeiro día 22 en Castroverde terá como principal novidade a presenza entre os expositores dun pertencente ao municipio de Castroverde de Campos, en Zamora, que está irmandado co concello da provincia lucense e que aproveitará esta cita para dar a coñecer a artesanía e os produtos típicos dese concello zamorano.
Polo demais a feira volverá contar coma en edicións anteriores con obradoiros artesanais, demostracións en vivo de vellos oficios, xogos populares, exposición e venda de artesanía e de produtos con denominación de orixe, e por suposto actuacións musicais.
A apertura da feira ao público está prevista para as dez da mañá, e unha hora despois xa se empezará a desenvolver no recinto un obradoiro de alfareiría. Ao mediodía actuará o grupo local de música tradicional Zuncurrundullo e as autoridades inaugurarán oficialmente a feira e farán un percorrido polo recinto, deténdose no posto de Castroverde de Campos, no que ás 13.00 se ofrecerá unha degustación de produtos típicos desa terra.
Non será esta a única actividade que se levará a cabo no recinto no que se celebra esta feira, xa que na coñecida como «casa branca» estará aberta durante todo o día unha mostra de fotografías de María Dolores Nogueira.
Amigos do Patrimonio
Por outra banda, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde tamén participará nesta feira cunha mostra do traballo realizado nos últimos anos. Igualmente farán proxeccións sobre o Camiño Primitivo ao seu paso por Castroverde e sobre outros roteiros que pasan polo municipio. Estas proxeccións terán lugar no establecemento Nutrimentos Ferreiro, situado no campo da feira. Noutra orde de cousas, dende esta asociación lembran a socios e veciños que o día 15 remata o prazo para apuntarse á comida de confraternidade que celebrarán o día da feira.
Pregón de Alonso Montero
Seguindo co programa de actos da Feira artesán-gastronómica de Castroverde, o catedrático emérito Xesús Alonso Montero pronunciará o pregón ás dúas da tarde, ao que seguirá unha nova actuación de Zuncurrundullo e un xantar típico galego. Pola tarde celebrarase outro obradoiro, neste caso de cestería, e haberá xogos populares.
Dentro da programación do Xacobeo, o grupo de música tradicional Sobre Rodas ofrecerá unha actuación na praza do Concello a partires das sete e media da tarde. Para poñer fin a esta quinta edición da feira ofrecerase aos asistentes unha degustación de queimada.