Roubos nas igrexas

Xesús Mato

LUGO

Na extensa diocese de Lugo, con parroquias nas provincias de A Coruña (Melide, Toques e Santiso) e de Pontevedra ( Lalín e comarca) déronse centos de saqueos e roubos, durante os últimos meses. Con abundantes danos materiais. Unha mágoa!

Este diario (La Voz), o pasado venres, dou a noticia da detención de dúas persoas e da recuperación, en Lugo, de dúas cruces procesionais, roubadas na Zona de Monforte e a Pobra de Brollón. Grazas á investigación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional.

Desde esta atalaia fago unha chamada á reflexión e á responsabilidade colectiva. Ás parroquiais, asociacións de veciños e demais entidades implicadas (Bispado, Xunta, Deputación e Concellos). Todos nós, sexamos ou non crentes, temos a obriga de coidar e defender o patrimonio que nos deixaron os nosos devanceiros. Son bens de/para todos.

O noso patrimonio material relixioso (igrexas, capelas, imaxes, cruceiros, petos, fontes, cruces) é enorme en extensión e rico tamén en valor inmaterial e espiritual. No ámbito relixioso, artístico e histórico. Tanto no rural como nas cidades e vilas. Ademais dos valores inmateriais da cultura (fala, sinxeleza, acollida, vivencias e sentimentos) que non se poden taxar, contar... nin medir!

Chamada tamén aos cacos. Profesionais e afeccionados. Se buscan cartos, asegúrolles que nas igrexas e capelas rurais, non os poden atopar. Porque non os hai (Xa o teñen comprobado!) Só lles pregunto (con pena, créanme)Que gañan con estragar pechaduras, portas, reixas, ventás!? As imaxes e outras pezas de culto están catalogadas. Un serio perigo para vostedes.Por iso lles pido...un pouco de sensibilidade... e sentido común!