No mes de decembro de 2007, xa fai máis de dous anos, descubríronse os restos dun castro, non catalogado, ao instalar unha condución de auga nas inmediacións dos depósitos da Piringalla, no lugar coñecido como Agra do Castro, a toponimia é como o algodón do anuncio, non engana. Apareceron os restos do foso defensivo, muros de edificios, cerámica e algunha peza de ourivería. A escavación deste xacemento debe de ser un obxectivo prioritario das administracións. Dispor en plena área urbana, sen saír da cidade, dun xacemento arqueolóxico destas características, con vestixios castrexos e do século I, é un elemento de singular importancia non só para o coñecemento do noso pasado, senón tamén un atractivo turístico excepcional. Debería considerarse ademais, como unha sección externa do futuro Centro da Romanización. ?Non estaría demais que os actuais responsables de Cultura e Turismo, e de Vivenda da Xunta, que xa levan no posto un ano, se desen unha volta por Lugo para que nos falasen da súa política, para que se decaten do que hai e que nos conten á súa vez o que pensan facer e cando.