Máis que danza contemporánea

C. López

LUGO

O Encontro universitario deste ano, ademais de contar con seis grupos, ofrecerá talleres de malabares e ioga

21 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A compañía Hincapié da Universidade de Porto Rico, a Aula de danza da Universidade da Coruña, o Taller de danza da Universidade Europea de Madrid e os tres grupos da USC -a compañía do Espazo de danza universitario, a compañía Cisma e a compañía Tinta'n-Pé- serán as seis formacións de danza de universidades españolas e iberoamericanas que se darán cita na oitava edición do Encontro universitario de danza contemporánea, que se desenvolverá en Lugo os vindeiros días 28 e 29 e no que tamén colaborarán o taller de malabares do campus de Lugo e o Conservatorio de danza da cidade.

Invasión de danza na rúa

Nas dúas xornadas citadas, ás 20.30 horas, as mencionadas compañías amosarán as súas producións na sala dos mosaicos do Museo Provincial. Ademais, o día 29, ás 13.30 horas, coincidindo coa celebración do Día internacional da danza, terá lugar unha «invasión de danza» a cargo destes grupos na rúa Bispo Aguirre.

Nesta edición o Encontro de danza contará cunha serie de actividades complementarias. Así, haberá talleres de ioga, de malabares e de danza contemporánea. Este estará dirixido por Eduardo Castro, e nel os universitarios poderán explorar pautas de creación que serán as portas cara ao seu propio movemento. O taller de ioga estará a cargo de Rosa Acuña, e Celso Pereira será o encargado de achegar os malabares a través de xogos de destreza e habilidade con mazas ou bolas de cristal.

Canteira de bailaríns

O programa do encontro foi presentado onte por Begoña Barreiro, José Carlos Rodríguez Andina, Antonio Veiga, Sonia Méndez e Sinesio Pérez. Tamén asistiu o director do Espazo de danza da USC e responsable do evento, Juan Carlos Zahera, quen subliñou que non existe mellor medio que a danza para o achegamento e a difusión das diferentes culturas. Zahera lembrou tamén a importancia do Espazo de danza da USC como canteira de novos bailaríns e bailarinas, xa que son moitos os profesionais que se formaron na universidade compostelá con actividades de danza.