En todos os eidos da vida da sociedade actual. Con notorias evidencias no eido político, económico, socio/cultural e eclesiástico. Xa se percibe como imprescindible un cambio radical de actitudes e comportamentos ante o abafante cheiro a corrupción colectiva. Non podemos quedarnos a velas vir. A necesidade de cambio ven esixida polos feitos escandalosos que estamos a vivir. Os medios pregoan detalles. A renovación e volta aos valores humanos é urxente. Aféctannos a todos. Corremos perigo de pandemia social.
Nosoutros non podemos ser simples espectadores alleos a este grave problema colectivo que, pouco a pouco, segue a emporcar e envelenar a convivencia e a vida enteira. Todos, máis/menos, coñecemos as barbaridades que se están a dar, a cotío, na política, na economía e na Igrexa. Abondaron os silencios e as neglixencias. Fallaron as testemuñas.
Como cidadáns estamos seriamente implicados. Polo menos, por omisión. Abondan os silencios culpables e están a fallar tamén (de xeito colectivo) a sensibilidade, a honra, a solidariedade, a fidelidade, a dignidade e mesmo a valentía para evitar as barbaridades que estamos a contemplar. Chámense roubos, fraudes, mentiras, corrupción, pederastia..
Cómpre definirse e mollarse, traballando activamente, para desterrar da nosa sociedade, semellantes aberracións que danan a convivencia e sementan dor e morte ao seu redor. O mal colectivo debe ser corrixido tamén colectivamente. Temos de loitar por sermos limpos e transparentes no noso vivir e actuar. Desde a cabeza ao corazón. Os cristiáns, como resposta tamén a nosa fe no Cristo Resucitado que é Quen de transformar o mundo.