Auga da Billa

Carlos Ferreiro

LUGO

04 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos tempos que corren, revelar o segredo de que un é asiduo á auga da billa case merece dunha terapia de grupo. Pero que mellor terapia que a escritura e que mellor grupo que vostedes, se mo permiten.

Ante tal confesión un non pode máis que retrotraerse aos anos de escola. Tempos nos que o bocata de chourizo palidecía ante a primeira bollería industrial e os xerseis de la calcetados a man e feitos á medida eran ridiculizados polos vulgarmente fabricados con máquinas, por talles e cuxo único valor residía nuns centímetros cadrados co nome da empresa fabricante.

Todo respondía, responde a modas, intentos de falsear o status social e cuestións de índole cultural.

Ao respecto do consumo da auga a situación é case parella. Beber auga da billa está deostado e asistimos participes a unha ridícula estratexia de privatización interesada da auga. Mesmo aínda cando o prezo pagado logo de embotellala poida chegar a ser mil veces máis caro que a auga da billa (sen contar os custos ambientais da súa transformación e transporte).

O do aforro da auga é outro tema. Os titulares que nos conminan ao aforro sempre son ben recibidos; sempre que non tenten entrar nas nosas casas.

En Lugo propónsenos que paguemos polo consumo real de auga e aforremos, no consumo e na factura. Dito así ata parece xusto. Parece xusto que non pague o mesmo quen consume corenta mil litros de auga que a señora María que é viúva e vive soa.

Pero con estas, xa aparecen os negacionistas amparados polo primo de Mariano Rajoy que banalizan e relativizan sobre temas tan serios como este.

Un gran non fai o celeiro, pero...