No seu último encontro cos internautas, o alcalde de Lugo amósase partidario desta posible solución, aínda que de levarse a cabo trataríase dunha medida consensuada
03 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Ao Plan de mobilidade no que está a traballar o Concello de Lugo fixo constantes referencias o alcalde, José López Orozco, no seu último encontro dixital cos internautas, celebrado o pasado mércores. Os problemas derivados do tráfico e da falta de aparcadoiros levaron aos cidadáns a formularlle ao rexedor moitas preguntas, ademais doutras referidas aos proxectos pendentes ou á polémica que rodea á Policía Local.
Á pregunta dun internauta sobre cando a avenida da Coruña tería só sentido saída da cidade, Orozco respondeu: «Estamos a facer un Plan de mobilidade no que irá esa posible solución xunto con outras moitas máis cousas. Queremos consensualo coa corporación e coa sociedade. Non é fácil, pero chegaremos ata onde todos esteamos dispostos a chegar».
Pero os problemas de circulación que preocupan aos lugueses non se circunscriben só a esa avenida. Outro cidadán contactou co alcalde a través da web para saber cando se ía adoptar na ronda das Fontiñas unha medida semellante á da avenida Ramón Ferreiro, que terá catro carrís en total. A resposta de López Orozco foi: «En Fontiñas hai un grave problema de prazas para aparcar. Estamos buscando algunha fórmula para ofrecer aparcadoiros próximos e logo paulatinamente tomar a medida de non deixar aparcar nos dous lados. Non obstante, tamén haberá que facer algo para que non se converta nun lugar de tráfico demasiado rápido».
O metro, pouco factible
Sen deixar de lado o Plan de mobilidade, un internauta interesouse pola posibilidade de dotar a Lugo dun metro lixeiro. Aínda sen descartala de todo, o rexedor recoñeceu que «nun primeiro momento non parece factible», volvendo a derivar a decisión final a ese futuro plan.
O auditorio, o museo da romanización, a nova ponte e o museo interactivo da historia de Lugo foron algúns dos proxectos pendentes polos que se interesaron os internautas. En relación con outras obras, Orozco fixo algúns anuncios na súa cita mensual a través da Rede. Así, asegurou que dentro de poucos días comezarán os traballos de urbanización do tramo da avenida duquesa de Lugo comprendido entre a rúa Monte Faro e a rotonda e que se dotará de beirarrúas. En canto á gardería do barrio da Piringalla, segundo o alcalde os técnicos teñen previsto rematala no mes de outubro, polo que a primeiros de ano podería acoller os primeiros alumnos.
O alcalde confirmou ademais que o Centro de día Antonio Gandoy vai ser destinado a persoas sen teito e que a xente que ata agora utilizaba esas dependencias pasará ao novo Centro de Entrecarrís. Igualmente reiterou a intención do Concello de construír unha Casa da Xuventude na zona de Montirón. O que non puido adiantar o rexedor lucense foi que vai pasar coa vella ponte romana cando se constrúa a nova.