O arqueólogo, paleontólogo e antropólogo catalán Eudald Carbonell, un dos directores das escavacións de Atapuerca, visitará en abril os xacementos paleolíticos do sur da provincia que están sendo investigados desde hai tres anos nun proxecto coordinado pola Universidade de Santiago, no que participan varias institucións e entidades. Segundo explicou Xosé Pedro Rodríguez, arqueólogo galego do proxecto Atapuerca que codirixe os traballos de campo no sur lucense, «Carbonell estaba interesado desde hai tempo en coñecer persoalmente estes xacementos, pero ata agora non foi posible organizar unha visita nun momento en que estivésemos traballando nesta zona».
Carbonell desprazarase á zona na segunda quincena de abril e ten previsto examinar durante dous días os xacementos da comarca de Lemos e das cavernas de Valdavara (Becerreá) e Cova Eirós (Triacastela).
A visita do prestixioso científico coincidirá cunha nova campaña de escavacións e prospeccións que se levará a cabo entre o 14 de abril e o 8 de maio e que terán por escenario diversos puntos da comarca de Lemos. As investigacións iniciadas pola USC na primavera do 2006 chaman cada vez máis a atención dos especialistas debido ao elevado valor científico dos achados que está producindo esta zona, ata entón escasamente estudada.
Tres grandes etapas
Por unha parte, os investigadores conseguiron descubrir un grande número de xacementos pertencentes ás tres grandes etapas do Paleolítico -inferior, medio e superior- nunha área xeográfica reducida, o que supón unha circunstancia moi pouco común en calquera lugar. Por outro lado, nestes traballos localizouse -en Cova Eirós- o primeiro xacemento galego do home de Neandertal ubicado nunha gruta.
Na cova de Valdavara, entre outros moitos elementos de interese, apareceu a peza de adorno máis antiga coñecida ata agora en todo o noroeste peninsular, un colar feito con cunchas do molusco Dentalium . No conxunto destas investigacións encontráronse miles de pezas paleolíticas de épocas diferentes, moitas delas en excelente estado de conservación.